21 de xuño de 2012

PONTEVEDRA

DEPUTACIÓN E CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA MIÑO-SIL DESTINARÁN 5 MILLÓNS DE EUROS A OBRAS EN PONTEAREAS, MOS, O PORRIÑO E MONDARIZ

Os traballos estarán licitados antes de finalizar 2013 e finalizados ao remate de 2015, co obxecto de poder acollerse a fondos europeos

·       O proxecto foi anunciado hoxe polo responsable da Confederación, Francisco Marín, tras unha xuntanza co presidente da deputación, Rafael Louzán
·       En Ponteareas devolverase á súa canle natural o regato das Vendas, actualmente canalizado
·       Actuarase sobre o río Louro en Mos e en O Porriño, con obras orientadas á mellora e protección das súas marxes
·       En Mondariz construirase unha ponte sobre o río Aboal para unir as dúas áreas de recreo que se sitúan en ámbalas marxes deste regato
·       O plan de actuacións levarase ao Consello da Auga que terá lugar o vindeiro xoves en Madrid, coa presenza do ministro do Medio Ambiente
A Deputación Provincial de Pontevedra e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil colaborarán nun proxecto de rexeneración ambiental das canles e do contorno do regato das Vendas en Ponteareas, do río Louro ao seu paso por Mos e O Porriño e do río Aboal en Mondariz.
Así o acordaron esta mañá o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e o responsable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, nunha xuntanza celebrada esta mañá no Pazo Provincial, onde subliñaron que este proxecto suporá un investimento total de 5 millóns de euros e que as obras deberán estar rematadas antes de finais de 2015.
Rafael Louzán salientou que se trata dun conxunto de actuacións de gran relevancia para a provincia e agradeceu o compromiso de Francisco Marín e “a sensibilidade amosada coa provincia desde a súa chegada ao cargo”.
O proxecto, que será sometido a aprobación na xuntanza do Consello da Auga que terá lugar o vindeiro xoves, día 28, en Madrid coa presenza do ministro de medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, ten por obxecto resolver problemas recorrentes na parte baixa do Miño e aproveitar as últimas partidas de fondos europeos que a Comunidade pode recibir.
Neste sentido, Francisco Marín incidiu en que as obras estarán licitadas antes do 31 de decembro de 2013 e rematadas antes de que acabe 2015, xa que do contrario non poderían acceder a fondos europeos.
 Recuperación do regato das Vendas
Unha das obras máis ambiciosa é a recuperación ambiental do Regato das Vendas en Ponteareas, que suporá devolver este á súa canle orixinal (a que tiña nos anos 50 do pasado século).
Este regato está actualmente canalizado xunto coa saneamento o que está a ocasionar certos problemas de funcionamento á depuradora en época de choivas, cos consecuentes vertidos ao río.
Francisco Marín subliñou que as obras implicarán a recuperación ambiental do río e do seu contorno e a execución duns colectores que leven as augas residuais á depuradora, de forma que se eliminarán os problemas de verteduras e se devolverá ao uso público un espazo de dominio público hidráulico.
Protección de marxes no río Louro
En canto ás actuacións previstas no río Louro afectan aos concellos de Mos e O Porriño. No primeiro caso trátase de rexenerar as zonas afectadas polos desbordamentos producidos fai uns anos e de actuar sobre as marxes para previr futuros desbordamentos.
No caso de O Porriño, a actuación afectará sobre todo á parte baixa do río neste concello, onde existe unha zona peonil moi utilizada polos veciños e visitantes e na que é preciso protexer as marxes para evitar anegamentos que deteriorarían a senda e dificultarían o seu uso público.
Ponte sobre o río Aboal
Finalmente, outra das actuacións ás que a Deputación Provincial estuda prestar a súa colaboración é á construción dunha ponte sobre o Río Aboal ao seu paso polo concello de Mondariz.
Esta ponte tería por obxecto enlazar as dúas zonas de recreo situadas a ambas as beiras do río, xerando así un espazo maior para o desfrute de veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario