21 de maio de 2012

O ROSAL

O BNG do Rosal presenta unha proposta en defensa do ensino público



      Alberte Alonso e Carlos Villanueva, concelleiros do BNG no Concello do Rosal

Infogauda / O Rosal


Os nacionalistas solicitan que a Corporación do Rosal, esixa da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes contidos no RD-Lei 14/2012, aprobado polo goberno central, e que o recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a Xunta.
A Educación é un dereito, non unha mercadoría
Para o BNG, a Educación é un dereito que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría, afirman.
Nese sentido, os nacionalistas indican que iso non é o que esta a suceder, pois o actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos de 2009, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes. O cal reduciu os recursos para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as necesidades que ten o sistema educativo galego.
O voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, asegurou que a sociedade galega en xeral e a do Rosal en particular, non merecen que o ensino, onde deben medrar e formarse as xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego. Co pretexto da crise, golpéase de maneira grave o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación das clases populares. Por iso, pedímoslle que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes que agora nos quere aplicar o goberno do Estado,” afirmou Alonso Pereira.
Así mesmo, argumentaron que os recortes buscan reducir o profesorado dos centros, incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario