O Alcalde da Guarda rexeita apoiar o libro en galego

“É contraditorio que o concello organice a Feira do Libro Letras Galegas e non se centren os descontos na promoción de libros en galego

Infogauda / A Guarda

O Bloque Nacionalista Galego presentou no último pleno ordinario unha moción en apoio do libro en galego nas feiras do libro que se celebran no concello. A moción non prosperou polos votos en contra do PSOE.


O BNG entende que a “Feira do Libro das Letras Galegas” debe estar encamiñada á promoción e divulgación do libro en galego. A situación actual, de axuda a todo tipo de libros, ten como consecuencia que a presenza de libros en galego sexa residual.



O BNG pon de manifesto as dificultades que está padecendo a cultura escrita en lingua galega, que compite en inferioridade de condicións con outras linguas como o español, cunha falta de apoios institucionais, como a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra, que levou a unha situación de precariedade e, incluso, feche de moitos medios de comunicación escritos e dixitais, editoriais, etc.. en galego.



“É contraditorio que o concello organice - a Feira do Libro das Letras Galegas - e non se promocione a venda de libros en galego de xeito exclusivo”, afirmou Hortensia García concelleira do BNG.



Para o BNG, o concello da Guarda debe centrarse na promoción do libro en galego, utilizando os fondos que se están a gastar noutras promocións a facer maiores descontos nos libros en galego. Esta medida sería un apoio “real” e “efectivo” á producción literaria en galego.