16 de mar. de 2012

TUI


A CIG-Ensino oponse á privatización da futura escola infantil que o Consorcio abrirá no concello de Tui.

O Consorcio pretende que esta escola forme parte da campaña de desmantelamento das escolas infantís “A Galiña Azul” como servizo.

A CIG-Ensino oponse a que a futura escola infantil que o Consorcio abrirá no concello de Tui sexa de xestión privada. A CIG-Ensino defende que as escolas infantís son un servizo público e como tal deben manterse.

Infogauda / Tui

O Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais comezou no día 17 de xaneiro a carreira para privatizar as escolas infantís de nova apertura e fíxoo anunciando no DOG, entre os días 17 e 18, a privatización de cinco escolas, unha na provincia de Pontevedra e catro na da Coruña. Os novos centros educativos formarán parte da rede de Escolas Infantís creada polo anterior goberno da Xunta, mais o actual goberno entrégaas áe xestión privada.

A CIG-Ensino xa denunciara no pasado mes de outubro que o Consorcio xa adoptara naquela altura a decisión de privatizar as novas escolas de construción programada, seguindo ao pé da letra as directrices neoliberais que abandeira o Partido Popular. A CIG-Ensino denuncia que o PP aposta por privatizar servizos básicos, converténdoos nun lucro para as empresas privadas á quen se lle conceda a xestión destes centros públicos, construídos con diñeiro de todas e todos. Temos que lembrar que, no caso das cinco escolas xa privatizadas, a Xunta empregou o mecanismo fraudulento da vía de urxencia, cando a decisión xa estaba tomada, como mínimo desde o mes de outubro, todo indicaba que a Xunta beneficiaría a empresas afíns ideoloxicamente ao PP, como FESAN, empresa supostamente vinculada ao Opus Dei. Tal e como denunciara a CIG-Ensino foi esta empresa a que se fixo coa adxudicación de parte destas escolas.

Marchas atrás nos servizos públicos

A decisión tomada pola Xunta de Galiza a través do Consorcio Galego supón unha involución clara ao respecto das políticas de creación de centros públicos iniciada polo anterior goberno da Xunta. Coa privatización das novas escolas infantís dáse marcha atrás na consolidación dunha rede pública para a etapa educativa de 0 a 3 anos, optando como na etapa dos gobernos de Fraga pola privatización das escolas infantís. O modelo naquel momento consistía na privatización a través dos Concellos de escolas construídas con fondos públicos, convertendo un servizo público nun negocio para as empresas. Agora é directamente o Consorcio Galego quen, despois de investir diñeiro público na construción destas escolas as oferta ás empresas privadas, apostando polo clientelismo e o empeoramento da oferta educativa e das relacións laborais. Na actualidade existen 102 escolas infantís dependentes do Consorcio, todas elas de titularidade e xestión públicas e con persoal propio, 3 delas no Baixo Miño: Oia, O Rosal e Tomiño. Cómpre sinalar que a privatización das escolas vai significar que a selección do persoal non vai ser realizada polo Consorcio, polo que nin o procedemento, nin as condicións laborais van ser as mesmas que nos centros públicos.

A CIG-Ensino oponse rotundamente a esta política privatizadora e denuncia publicamente o desmantelamento dos servizos públicos, abrindo unha vía de negocio que para nada debería ser o obxectivo destes centros educativos. A CIG-Ensino está a levar a cabo mobilización para esixir o mantemento da rede pública de escolas infantís e que as escolas de nova apertura manteñan o seu carácter público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario