14 de feb. de 2012

TUI

O BNG DE TUI SEGUE A ESPERA DE RESPOSTAS DO PP RESPECTO DO VAC AO SEU PASO DE AREAS


Infogauda / Tui

O BNG de Tui leva anos pendente da Vía de Alta Capacidade ao seu paso por Tui pola parroquia de Areas. Xa no ano 2009 presentou unha Moción no Concello recollendo as peticións dos veciños afectados por esta gran infraestrutura e pedindo medidas urxentes para solucionar os problemas que provocaba.

Sen solucións, dous anos despois, en decembro do 2011, a Parlamentaria do BNG, Carme Adán, visitou xunto con representantes da “Plataforma de afectados de Areas polo Vial Tui-A Guarda” as zonas problemáticas constatando cos veciños o gran impacto e a extrema gravidade da situación provocada pola construción do Vial ao seu paso por esta parroquia tudense.

Ante esta situación Carme Adán elevou o 22 de decembro de 2011 no Parlamento Galego as queixas dos afectados de Areas e formulou varias preguntas concretas sobre a súa solución:

1. Está programado dar solución a canalización de augas do Barrio dos Gaios?

2. Está programado dar solución á canalización de augas do Barrio de Anta?

3. Pensa a Administración realizar un deseño alternativo ao trazado para dar servizo ao barrio de Anta consensuado cos veciños e veciñas?

4. Pensa a Administración construír una vía de servizo que comunique a actual estrada de Anta coa estrada que vai ao Barrio da Guía pasando sobre o regato San Martiño?

5. Cal é o cronograma que manexa a Administración para realizar a obra do novo acceso ao Polígono industrial?

6. Como valora o Goberno galego na política de infraestruturas galegas a decisión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de condicionar a execución da obra completa da VAC Tui-A Guarda á dispoñibilidade económica de próximos exercicios?

A día de hoxe, pasados xa dous meses, segue o silencio por parte da Xunta de Galiza.

O equipo de goberno do Partido Popular no Concello de Tui tamén garda silencio.

Despois de ter constituído unha Comisión de Seguimento do VAC a petición da “Plataforma de afectados de Areas polo Vial Tui-A Guarda”, nada lles teñen comunicado aos veciños a estas alturas sobre as súas peticións e demandas.

Unha das preocupacións básicas para a Plataforma de afectados e para o BNG é o acceso directo ao Polígono Industrial que debería ser absolutamente prioritario para todos xa que a súa finalidade básica sería promover o emprego no noso Concello nestes tempos de crise. Aínda nada se ten comunicado sobre este Proxecto.

Ante este silencio do Partido Popular tanto na Xunta de Galiza como no Concello de Tui, o BNG desexa manifestar o seu mais enérxico rexeitamento ante esta desidia e abandono por parte do Concello de Tui e da Xunta de Galiza que incumpren as súas obrigas como Administracións públicas: dar resposta as demandas dos veciños e veciñas, posibilitar a creación de emprego e gobernar procurando o benestar de todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario