4 de feb. de 2012

BAIXO MIÑO


DEPUTACIÓN IMPLANTA UN PROXECTO EDUCATIVO PILOTO NOS CEIP AS SOLANAS E NOS CENTROS PLURILINGÜES Nº 1 E Nº2 DO BAIXO MIÑO QUE FOMENTARÁ A CULTURA EMPRENDEDORA ENTRE OS ESCOLARES

A Deputación Provincial de Pontevedra implantará de xeito experimental un programa educativo en sete colexios da provincia de Pontevedra co obxecto de difundir entre os mozos a cultura emprendedora. Na comarca do Baixo Miño participarán nesta iniciativa os alumnos dos CEIP Plurilingües número 1 e número 2 de Tui, así como o CEIP As Solanas de A Guarda.

A iniciativa denominada «Emprender en mi escuela-EME Cooperanova» ten por obxecto dotar ós docentes dos centros de educación primaria participantes das ferramentas precisas para contribuír á creación de cooperativas escolares, que mediante os principios de traballo en equipo, elaboren e comercialicen produtos para obter beneficios. Este proxecto está impulsado polo Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da Deputación de Pontevedra.

Así, EME Cooperanova ten como principal obxectivo inculcar entre os estudantes de Educación Primaria ( 8 a 11 anos) os principios da cultura emprendedora a través da xestión real dunha cooperativa xuvenil que recade fondos mediante a venda de produtos. Algunhas das materias nas que con este programa se van a traballar son a capacidade de asumir riscos; a creatividade e innovación; a capacidade competitiva; o espírito de superación, a capacidade de dirección, etc.

A Deputación espera dar a coñecer os valores de EME Cooperanova entre máis de 50.000 alumnas/os de Educación Primaria residentes nos 62 municipios da provincia de Pontevedra; desenvolver actitudes e habilidades emprendedoras entre polo menos 300 rapaces; a creación como mínimo de 10 asociacións que mediante os principios do traballo cooperativo, elaboren e comercialicen produtos (os beneficios serán repartidos entre os membros da asociación).

E, finalmente, a posta en marcha de 10 eventos de comercialización dos produtos elaborados polas asociacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario