13 de dec. de 2011

GALICIA



Queremos Galego convoca para este 15 de decembro ás 11.30 unha concentración cidadá diante da sede do Valedor do Pobo


En protesta polo ditame supostamente favorábel á retirada dun libro de texto escolar por reproducir que "o galego é a lingua propia de Galiza"



Infogauda / Santiago de Compostela




Tal e como xa foi adiantado esta mañá en conferencia de imprensa a plataforma cidadá Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa e integrada por máis de 700 entidades sociais de diferente tipoloxía, convoca para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 da mañá unha concentración diante da sede do Valedor do Pobo, en Santiago de Compostela.
O motivo da convocatoria é protestar pola resolución do Valedor de instar, tal e como recollían onte algúns medios de comunicación, á retirada dun libro de texto da materia de Coñecemento do Medio que reproduce literalmente o artigo 5.1 do Estatuto de autonomía: "O galego é a lingua propia de Galiza".
Para a plataforma cidadá é "un auténtico despropósito" que o representante dunha institución encargada de velar polos dereitos das cidadás e dos cidadáns de Galiza perante os Poderes públicos do país, entre os que están os dereitos lingüísticos, "poida ditar unha recomendación que equivale a descoñecer lexislación lingüística tan básica como a que emana do Estatuto de autonomía".
Para Queremos Galego, decisións tales como esta "inhabilitan" a Benigno López para seguir no seu cargo "nin un minuto máis", toda vez que o actual titular xa se ten caracterizado noutras ocasións por declaracións e actuacións "pouco proclives a considerar o galego como unha lingua plenamente oficial".
Por isto, ademais da concentración convocada para esta quinta feira a plataforma cidadá que impulsou e coordina A Mesa anima a toda a cidadanía a escribir á presidenta do Parlamento de Galiza, Pilar Rojo, para que cese a Benigno López a mesma institución pola que foi no seu día nomeado

Ningún comentario:

Publicar un comentario