CONSTITÚESE NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA A PRIMEIRA MESA PROVINCIAL DE COMERCIO DA COMUNIDADE GALEGA
A primeira mesa provincial de comercio galega foi hoxe constituída na Deputación de Pontevedra. A creación desta mesa fíxose en cumprimento da nova Lei que regula o comercio interior de Galicia e radica na necesidade dunha coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución de políticas comerciais nestes concellos.Na sesión constitutiva participou o presidente, Rafael Louzán Abal; a directora Xeral de Comercio, Nava Castro; e a deputada, Begoña Estévez. Actuaron como vocais, Antonio Reguera Repiso, presidente da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra; Xosé Bangueses, presidente da Federación Foro Galego do Comercio; Mª Sol Hernández Iglesias, representante da Asociación de Amas de Casa e Consumidores “Rías Baixas; José Manuel Cores Tourís, delegado Territorial da Xunta de Galicia; Manuel Corujo Castro, xefe do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios; e Alma Pérez Aguiño, Coordinadora da Oficina Provincial de Comercio REDIC. Pola súa banda, actuou como secretario Carlos Cuadrado Romay.
Os obxectivos das mesas locais do comercio son lograr un maior dinamismo e modernización do comercio; erixirse en foro de debate plural e eficaz; actuar como órgano consultivo e de coordinación local para consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial.
Entre as súas funcións están, participar no deseño das campañas de promoción do comercio; emitir informe nas campañas que se financien con fondos públicos; emitir informe, con carácter preceptivo, nas solicitudes presentadas polos comerciantes para a realización das feiras de oportunidades; e actuar como órgano consultivo do concello en todas as cuestións que afecten o comercio retallista do municipio; propoñer ao concello medidas e propostas considere convenientes para o desenvolvemento e a mellora do sector; ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana. Emitir informe en todos aqueles asuntos en que, pola súa relevancia para o comercio retallista do concello, lle sexa solicitado; e exercer cantas outras funcións lle sexan atribuídas pola Administración local no correspondente regulamento orgánico en desenvolvemento das funcións de participación, coordinación, cooperación e colaboración atribuídas legalmente.
Así por exemplo, segundo explicou Nava Castro, a través das mesas locais e provinciais de comercio “pretendemos que o sector sexa consciente de que a través da unión de todos pódese negociar, por exemplo, cretos e tipos de interese cos bancos; ou tamén negociar as tarifas da luz; e outras moitas cousas que poidan beneficiar ó pequeno comercio”. A directora xeral de comercio aseverou que “son momentos moi complicados” por iso dende a Xunta e en colaboración coa Deputación “ nos estamos volcando na posta en marcha de campañas de dinamización para incentivar o consumo” e, en definitiva “estamos facendo o máximo para que o pequeno comercio non peche”.
Pola súa banda, a deputada provincial, Begoña Estévez, afirmou que estes programas incentivan o achegamento das novas xeracións, que quizais frecuentan máis as grandes superficies, ás prazas de abasto e ós pequenos comercios”. Do mesmo xeito, puxo de relevo a última iniciativa impulsada para respaldar ó pequeño comercio a través da contratación de 22 universitarios como becarios para colaborar e asesorar ós comerciantes. “Unha iniciativa a través da cal o sector recibe in situ todo tipo de información e formación en novas tecnoloxías; merchandising; e incluso asesoramento para solicitar axudas; para realizar campañas etc. Unha iniciativa que, asemade, lles da a oportunidade ós titulados universitarios a acceder a unha experiencia laboral.”
Prevese a existencia dunha mesa local do comercio en cada un dos concellos de Galicia, ben a través da creación de mesas locais do comercio de ámbito municipal ben mediante a creación de mesas locais de comercio nas deputacións provinciais, que representen aqueles concellos que non cumpran os requisitos previstos para que se constitúan neles. A norma persegue que todas as asociacións locais de comerciantes e de consumidores estean representadas, con voz e voto, nas mesas locais do comercio do respectivo concello, buscando a máxima participación comercial.
A Deputación de Pontevedra asumirá as funcións da Administración local da Mesa Local do Comercio, naqueles concellos que non conten cun número mínimo de 20 comercios minoristas e non exista asociación de comerciantes e que son: Dozón, Portas, A Lama, Vilaboa, Fornelos de Montes, Mondariz – Balneario e Covelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario