30 de set. de 2011

A GUARDA




O BNG solicitará no pleno da Guarda a retirada por parte da Xunta da orde sobre os novos prezos dos bens inmóbeis


A subida media das taxacións dos inmóbeis que pretende aplicar a Xunta, estímase entre un 25 % e un 30 %, chegando nalgúns casos ao 65 %



Infogauda / A Guarda



O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para ser votada no próximo pleno ordinario na que solicita a derrogación da orde da Consellería de Facenda do 28 de xullo de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmóbeis rústicos e urbanos sitos en Galiza para os exercicios 2.010 e 2.011.
O BNG tamén solicita a aprobación unha nova norma que fixe novos valores medios dos inmóbeis que teñan en conta a situación de crise económica e que, polo tanto, non supoñan incrementos respecto dos valores vixentes.
Para o BNG a aplicación desta norma conlevará un aumento xeralizado e abusivo dos impostos que gravan as transmisións patrimoniais, unha situación que afectará negativamente á maioría dos veciños e veciñas do concello da Guarda.
Segundo o BNG, a subida media das taxacións dos inmóbeis que pretende aplicar a Xunta de Galiza, estímase entre un 25 % e un 30 %, chegando nalgúns casos ao 65 %.
“En realidade estamos ante unha suba encuberta de impostos aplicada pola Xunta do PP. O mesmo PP que nas campañas electorais promete que non vai subir os impostos”, comenta o a concelleira do BNG, Hortensia García.
Para o BNG a aprobación desta norma demostra a nefasta xestión aplicada pola Xunta de Galiza, que incapaz de facer unha xestión realmente eficaz dos recursos públicos, bota man de mecanismos que implican un incremento desproporcionado de impostos sen importarlle a difícil conxuntura económica na qe se atopan a maioría das persoas deste país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario