22 de ago. de 2011

TOMIÑO



A DEPUTACIÓN ENTREGA 22.000 EUROS A DISTINTAS ASOCIACIÓNS DO CONCELLO DE TOMIÑO DENTRO DO PLAN DE ACCIÓN COMUNITARIA

Infogauda / Tomiño

O deputado Pablo Baquero fixo entrega de cinco subvencións a distintas Asociacións sen ánimo de lucro do concello de Tomiño dentro do Programa de Acción Comunitaria (PAC) por valor de 22.000 euros. As axudas están destinadas a realizar melloras en espazos sociais e adquirir equipamentos.
O deputado provincial Pablo Vaquero fixo entrega de cinco subvencións dentro do PAC. A primeira delas foi para a Asociación Veciñal e Cultural San Vicente de Barrantes por unha contía de 12.000 euros para realizar unha obra no pavillón da parroquia.
A segunda axuda foi para a Asociación de Veciños de Amorín por un importe de 1.000 euros para compra de material informático. A mesma axuda e concepto foi para a Asociación polo Saneamento en Tomiño.
En cuarto lugar, a Asociación de Veciños do Carregal recibiu 5.000 euros para mellorar as beirarrúas no Parque Público do Carregal.
Por último, a Comunidade de Usuarios de Vilachán recibiu unha axuda de 3.000 euros para mellora da rede de abastecemento da rede xeral de auga.
O deputado resaltou a importancia de manter estas axudas nun contexto económico complicado para poder seguir mantendo a cohesión social e seguir potenciando o asociacionismo.

“Atravesamos por un momento complexo no que as administracións contamos cada vez con menos recursos. A Deputación está a realizar un gran esforzo para manter estas axudas que contribúen á mellora dos servizos públicos, dos espazos comúns e que fomentan o asociacionismo”, explicou Pablo Baquero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario