22 de ago. de 2011

PONTEVEDRA



AS BRIGADAS DA DEPUTACIÓN ATENDRON CINCO EMERXENCIAS EN ESTRADAS PROVINCIAIS ENTRE A MADRUGADA E A MAÑÁ DE HOXE POR MOR DO TEMPORAL

Os avisos localizáronse nos concellos de Cambados, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño e Ponteareas


Infogauda / Pontevedra


As brigadas da Deputación de Pontevedra tiveron que atender cinco emerxencias durante a noite de onte e esta mañá derivadas das consecuencias do temporal e das riadas. As actuacións producíronse nos concellos de Cambados, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño e Ponteareas.
O primeiro dos avisos do 112 foi á 1,40 da madrugada no concello de Salceda na EP-2504 entre Entienza e Soutelo. As brigadas da Deputación provincial tiveron que retirar unha árbore caída na estrada por mor do temporal e proceder á limpeza da zona. En total a incidencia prolongouse durante tres horas.
O segundo aviso foi ás 2,30 horas da madrugada no concello de Cambados, na estrada EP-9002 entre Fefiñáns e Oubiña. Froito das chuvias produciuse un desprendemento de terra na estrada que se prolongou durante cinco horas e media.
O terceiro aviso deuse no concello de Soutomaior, na estrada EP-2900 entre Arcade e Amoedo. As brigadas chegaron á zona ás 8,35 da mañá e prolongaron a súa actuación ata pasado o mediodía tempo no que procederon á retirada de terras e pedras froito dun desprendemento por mor do temporal e dunha forte riada.
A cuarta actuación comezou ás 12,00 do mediodía no concello de Tomiño, na EP- 3102 entre Tomiño e Sabarís. As brigadas tiveron que reparar un afundimento que se produciu no firme da estrada froito das riadas e das fortes chuvias.
A quinta intervención comezou ás 12,15 no concello de Ponteareas. A consecuencia das chuvias houbo un desprendemento que motivou que a EP-4006 quedase cortada por mor da grava e das pedras no kilómetro 7.
As brigadas da Deputación continuarán en alerta mentres se prolonguen o temporal e as chuvias para solventar calquera posible incidencia que se produza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario