14 de maio de 2011

GOIÁN

GUILLERME, EN TOMIÑO "O PP NON QUER QUE VAIADES VOTAR. SE IDES VOTAR, ELES PERDEN. E ELES PERDEN PORQUE SOMOS MÁIS"










O líder do BNG ten claro que o PP non quer que as persoas que se senten galegas e de esquerdas vaian votar o 22-M.

Na súa intervención no mítin de Tomiño, Guillerme afirmou: "O PP non quer que vaiades votar. Se ides votar, eles perden. E eles perden porque somos máis".

O portavoz nacional expresou a súa convicción de que a "maioría social" de Galiza non está co PP nin coa súa política de masivos retallamentos sociais.

"Moitas veces tendemos a pensar que somos menos, pero en realidade somos máis. Somos máis os que non queremos recortes que os que os queren. Somos máis os que non queremos privatizacións que os que as queren. Somos máis os que estamos coa economía produtiva e do emprego de calidade que coa economía da especulación e do emprego precario".
A chave desta campaña chámase Bloque Nacionalista Galego.

"Os estrategas da campaña do PP imaxinaron un paseo militar polo País adiante, mas bateron cun problema, o Bloque Nacionalista Galego. E que é o Bloque Nacionalista Galego? O BNG é a expresión política da existencia dun importantísimo sector social neste País que quere outras políticas, que defende a lingua galega e que está por que a factura da crise a paguen os que a causaron e non os que a están padecendo".

Iso é o BNG. E que é o PP?, perguntouse Guillerme. "O PP é Paro, Privatización e Negocio para os amigotes".
IGUALDADE CONTRA O MACHISMO

O portavoz nacional abriu o mítin cunha emotiva condena do asasinato machista cometido en Noia. "Estamos ante un execrábel atentado contra o dereito humano máis fundamental, o inalienábel dereito á vida", dixo.

Frente ao machismo, políticas de igualdade. As que impulsa o BNG desde os concellos nos que goberna. E as que levaron ao BNG a ser a organización política que concorre a estas eleccións que presenta máis cabezas de lista mulleres. "Como aquí en Tomiño, coa vosa alcaldesa que, por suposto, o seguirá sendo", afirmou en alusión a Sandra González.
O BNG É O MODERNO FRENTE A CASPA DA DEREITA

De Sandra Guillerme dixo que, alén de simbolizar as políticas de Igualdade, representa tamén "o moderno" frente "a caspa da dereita".

"Sandra, como alcaldesa, é a demostración de que se pode gobernar para as veciñas e os veciños e coas veciñas e os veciños. É a demostración de que co BNG a democracia participativa faise realidade, de que co BNG os gobernos municipais están ao servizo do pobo e non dos poderosos".
O 22-M O POBO ELIXIRÁ ENTRE DOUS MODELOS

Ou o modelo das políticas de dereita, que se deciden non nas institucións democráticas, senón nos despachos "dos banqueiros e dos executivos das grandes empresas, ou o modelo de política democrática e de servizo ao pobo que encarna o BNG.
SANDRA GONZÁLEZ

A candidata á reelección na alcaldía de Tomiño, Sandra González, enfatizou na súa intervención no labor feito nestes pasados catro anos fronte á total inacción á que se someteu o concello nos 24 anos de goberno do PP.

A candidata do BNG e actual alcaldesa fixo un repaso polos puntos máis importantes da xestión do nacionalismo galego como o centro de día, a recuperación da fortaleza de San Lourenzo, novos parques infantís, espazos verdes e humanizados, proxectos en favor da igualdade e de todas as parroquias do concello.

Sandra González destacou que “aínda que os concellos non teñan competencias na materia, o emprego será a nosa prioridade”, tamén destacou outros proxectos dese futuro que o BNG quer para Tomiño como o saneamento e un plan integral de obras, mais, todo isto, “ante todo, dándolle participación total ás parroquias para definir as súas prioridades”.

A alcaldesa lanzou duras críticas contra o PP ao que acusou de “mercar francotiradores para dispararlle á alcaldesa”, mais advertiu de que non conseguirán amedrentar ao BNG con mentiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario