27 de abr. de 2011

BAIONA


PRESENTACIÓN DO POEMARIO AS PORTAS AUSENTES, DO ARTISTA BAIONÉS CAÍNO



Infogauda / Baiona


Has albiscar, amigo lector, ao rematar este limiar, a vibrante e aflixida voz do artista baionés Caíno Vasconcellos", así comeza a presentación que o mozo poeta Anxo Manuel Rodríguez Ratel fai de As portas ausentes, o primeiro poemario de Caíno. Ao longo de 127 páxinas, os versos e debuxos de Caíno crean un universo onde a exquisita sensibilidade que o autor nos ten acostumados atopar na súa pintura, agora se amosa na obra poética.

As portas ausentes, vai presentarse o próximo xoves 28 de abril ás 20:30 horas na Capitanía Marítima de Baiona (Rúa Elduayen, 20). O poemario está editado polo Instituto de Estudos Miñoranos dentro da súa colección Letras da Groba. No acto intervirán ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o poeta Anxo Manuel Rodríguez Ratel.

Asemade Marina Iglesias, Anxo Manuel R. Ratel e Trini Puentes, veciños de Baiona, recitarán textos do libro de Caíno Vasconcellos.

Tamén actuará o Grupo de Gaitas A Seneira, de Baiona.

O remate será servido un viño galego.


Claudio Vasconcellos Cabral (Caíno)
Artista autodidacta. Entre os anos 1970 e 1972, en Londres, inicia a súa carreira. Son anos de inquietude, de aproveitar o tempo, de visitas diarias á National Gallery, de estudo constante. As formas visuais, a pintura moderna, os clásicos, nada se lle escapa ao tempo que realiza as primeiras exposicións cun grupo de pintores de Hyde Park.
De retorno no Val Miñor, instálase definitivamente en Baiona, a súa vila. Ádícase ao ensino nun curto período. Nestes anos emprega tanto o óleo como a acuarela ao a prumiña. Ten ilustrado infinidade de libros e colabourado na prensa cos seus debuxos e poesía.
Comezou as súas colaboración poéticas na Revista de Expresión Poética Dorna e na Revista de Estudos Miñoranos. Este é o seu primeiro libro de poesía.
(tomado da contracapa do libro As portas ausentes.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario