24 de mar. de 2011

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVÉRTESE NA PRIMEIRA ADMINISTRACIÓN LOCAL GALEGA QUE CONSEGUE CERTIFICADOS DE CALIDADE PARA OS SEUS SERVIZOS



O responsable de AENOR dí que se sitúa "na vangarda das administracións en calidade de servizos> e destaca a “súa transparencia e compromiso pois non é obligatorio que se sometan a procesos de auditorías senón que é unha decisión voluntaria”







Os servizos de Recursos Humanos e Desenvolvemento Local da Deputación de Pontevedra recibiron dúas certificacións de calidade avaladas pola Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR). Esta distinción foi presentada hoxe polo presidente, Rafael Louzán, polo director xeral da Administración Local, Norberto Uzal, polo director de AENOR en Galicia, Martín Pita, pola responsable do servizo de Recursos Humanos, María Jesús Torres; e pola adxunta á xefa de servizo, Begoña Estévez.

Rafael Louzán puxo de relevo a aposta que se está a facer para que a “Deputación sexa unha administración pública moderna, eficiente e efectiva que responda ás necesidades dos cidadáns”. Neste senso, entende que iniciativas como esta “posibilitan un incremento da calidade e eficiencia dos servizos, así como a mellora continua e a satisfacción dos destinatarios que non son outros que os cidadáns”.

Pola súa banda, Begoña Estévez salientou a intención continuar traballando para “conseguir ser un referente en Galicia”. Para isto, asegurou “vamos a desenvolver máis accións para implantar o sistema de calidade no resto dos servizos da institución, sendo o obxectivo final a excelencia”.

O Director xeral de Administración Local, Norberto Uzal aseverou que con estes certificados “a Deputación de Pontevedra convértese nunha das primeiras administracións galegas en implantar un sistema de xestión de calidade acorde cunha norma esixente como é a UNE-EN ISO 9001:2008 e na primeira administración galega que consigue certificar conxuntamente dous servizos tan importantes como Recursos Humanos e Formación, así como Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios”.

Tal e como explicou Uzal, este sistema de xestión de calidade foi concibido inicialmente para a xestión privada pero “é perfectamente aplicable á administración pública moderna que busca a máxima eficiencia e satisfacción do cidadán entendido como cliente e da administración entidade como provedora de servizos”.

Por todo isto, o Director Xeral felicitou á Deputación e o seu presidente “por demostrar que é capaz de modernizar a institución e poñela á altura do que os cidadáns demandan da mesma no século XXI” e animou ó equipo de traballo a “continuar por esta senda de innovación, modernización e mellora dos servizos públicos”.

Finalmente, puxo de relevo que neste momento no que asistimos a un debate sobre o papel das Deputacións, “iniciativas como a que se pon en marcha para validar a calidade na prestación de servizos poñen de relevo que as institucións provinciais gozan de moi boa saúde e teñen un longo percorrido como administración provedora de servizos a municipios e como garante último da autonomía local”.

O proceso realizado por AENOR consistiu na comprobación a través de auditorías para examinar como se traballa nos servizos e sentenciar se se cumpre ou non a norma internacional UNE-EN ISO 9001:2008. Para o director de AENOR en Galicia, Martín Pita, esta certificación confirma que a administración “fai as cousas ben, xestiona de forma axeitada os seus recursos económicos e procesos ,etc”.

Pita dixo finalmente que esta iniciativa “nos traslada a idea de transparencia e compromiso da Deputación de Pontevedra” xa que recordou que “non é obrigatorio que as administracións se sometan a este proceso de auditoría senón que foi unha decisión voluntaria”.

A partir de agora a Deputación someterase todos os anos ás auditorías de AENOR que se encargará de comprobar que se cumpren todos os requisitos das normas internacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario