A ENFERMEIRÍA ESTÁ NUNHA ENCRUCILLADA

“Situación actual e propostas de futuro da profesión enfermeira en España” é o título da xornada que esta tarde, a partires das 16:30 horas, ten lugar no Centro Cultural da Deputación e que inaugurou o presidente da institución, José Luis Baltar, quen indicou que a profesión de enfermeiría está “nunha ecrucillada”.
Organizado polo sindicato profesional de enfermeiría SATSE, o Secretario Estatal de Estudios e Desenvolvemento Profesional deste colectivo, Javier Sebastián Pacheco, afrontou cos profesionais ourensáns a situación actual e as súas perspectivas de futuro.
A enfermeiría está sometida a un proceso de cambio con innovacións como son os casos das especialidades (7 recoñecidas oficialmente), a posibilidade de prescripción por parte do profesional de enfermeiría, a creación do título de grao adaptado a Bolonia e a adaptación do anterior título de diplomado en grao.
Foron estes os asuntos a tratar e nos que os profesionais ourensáns puideron plantexar as súas dúbidas ao respecto.
Transcríbese a intervención do presidente da Deputación:
“Penso que non me trabuco moito se digo que a profesión da enfermeiría está nunha encrucillada. Pero enténdase encrucillada, neste caso, como algo positivo, porque entendo que a evolución da profesión nos últimos tempos debemos vela dende esa perspectiva.
Paso a paso fóronse conseguindo logros que hai uns anos parecían estar moi lonxe. É certo que estamos a falar de logros que aínda hai que desenvolver, pero que legalmente xa están aí.
Estou a falar de aspectos como a especialización, coas especialidades de matrona, enfermeira de saúde mental, traballo, pediátrica, xeriátrica, familiar e comunitaria.
Esta especialización redundará, sen lugar a dúbidas, na prestación dun mellor servizo e nunha mellor atención e asistencia.
Pero tamén está o aspecto da conversión da diplomatura en grao, o que permitirá no futuro desenvolver másters e doutorados e todo esto ten como trasfondo, tamén, unha nova perspectiva dende o eido laboral e retributivo, que non debemos esquecer.
O feito de que a enfermeira poida prescribir tamén será un elemento de dinamización e axilidade no noso sistema sanitario.
Polo tanto, a todo esto me refiro cando falaba de encrucillada, porque todos estes son camiños abertos, camiños sinalizados pero que están por andar.
E moitos dos profesionais do sector teñen dúbidas, precisan saber cuestións específicas relativas a cada un destes asuntos. Polo tanto, esta xornada de explicación e de aclaración estou seguro que vai ser moi útil, que vai ser eminentemente práctica e que se vai converter nunha ferramenta para todos vostedes.
Non me alongo máis. Unicamente, quixera felicitar ao sindicato SATSE e aos seus responsables en Ourense por ter esta magnífica idea e pola súa capacidade de convocatoria. A presenza de todos vostedes neste salón, a esta hora tan pouco agradecida, evidencia o interese e a importancia dos asuntos a tratar.
Estou seguro que vai ser de proveito. Moitas gracias e parabéns a TODOS".
Ningún comentario:
Publicar un comentario