19 de mar. de 2011

GONDOMAR

GUILLERME AFIRMA EN GONDOMAR QUE EN APENAS DOUS MESES "OS CENSURANTES SERÁN CENSURADOS" POLOS VECIÑOS E AS VECIÑAS

Xosé Antonio Araúxo asegura que “o BNG volverá poñer o concello ao servizo da xente, e non dos intereses dos especuladores”

Infogauda / Gondomar
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou onte en Gondomar que “en apenas dous meses os censurantes serán censurados polos veciños e veciñas”.

Guillerme interveu onte a tarde no acto de presentación da candidatura do BNG á alcaldía de Gondomar, unha lista liderada por Xosé Antonio Araúxo, alcalde de Gondomar até que unha moción de censura promovida polo PP con tránsfugas o apartou da alcaldía. O acto contou coa asistencia de numeroso público que se deu cita no Auditorio Municipal Lois Tobío.

“Falta pouco para que, co BNG á fronte, o concello volva representar a vontade do pobo”

Na súa intervención, Guillerme lanzou unha mensaxe de ánimo porque “falta xa menos para que o Goberno municipal de Gondomar, de novo co BNG ao frente, volva ser verdadeiramente representativo da vontade do pobo".

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG denunciou que “a estas alturas Feijóo aínda non condenase a ilexítima moción de censura que afastou ao BNG da Alcaldía”.

"Hai partidos -subliñou- que se apoian en tramas escuras e que non dubidan en recorrer a calquera medio para ocupar o poder, para poñelo ao servizo de intereses privados; o BNG, en cambio, practica unha política limpa, transparente e democrática, unha política que aspira a pór as institucións, os gobernos, ao servizo dos seus únicos donos, as cidadás e os cidadáns".

Advertiu ademais que "cando a dereita non é capaz de gañar democráticamente, recorre a todo tipo de atallos para acceder ao poder”.

Porén, o portavoz nacional do BNG amosouse convencido de que “da xente de Gondomar tomou nota e achégase o momento de que recupere o que lle pertence, un goberno e un concello que verdadeiramente recoñeza como propio".

“Non nos sacarán da crise os que nos levaron a ela”

Ademais, Guillerme lembrou que “atravesamos unha gravísima crise provocada precisamente pola dereita económica, polos poderes que apostaron por un desenvolvemento desordenado e insustentábel arredor do tixolo, arredor do ladrillo, un desenvolvemento que, moitas veces, veu acompañado de fenómenos de corrupción”.

A este respeito, alertou de que “non nos sacarán da crise os que nos levaron a ela: nin a dereita económica e política nin un PSOE que se botou tamén en brazos dos poderes económicos”.

Xosé Antonio Araúxo: co BNG volverá a transparencia e a participación cidadá no Concello

Pola súa parte, o candidato do BNG, Xosé Antonio Araúxo, salientou dous compromisos claros para os veciños e veciñas de Gondomar: “poñer o concello ao servizo da xente e non ao servizo dos intereses privados duns poucos, dos especuladores; e retomar os proxectos para transformar Gondomar e favorecer a creación de emprego no noso concello”.

Respecto ao primeiro, Xosé Antonio Araúxo asegurou que “non todo vale en política, e o BNG ten demostrado que o noso compromiso é coa ética e cos principios, cos veciños e veciñas”.

Así ,anunciou que “o BNG vai traballar para abrir o concello aos veciños e veciñas, vai apostar pola participación veciñal e pola transparencia na xestión do goberno, como xa fixemos nos dous anos de goberno do BNG”.

Respecto á transformación de Gondomar e á creación de emprego, o candidato do BNG comprometeuse a rematar o polígono industrial da Pasaxe, unha iniciativa impulsada polos nacionalistas e que o PP, tanto dende a Xunta como dende o concello mantén paralizada, coas negativas consecuencias en canto a asentamento de empresas e creación de emprego.

Ademais, Antonio Araúxo comprometeuse a rematar o paseo fluvial e o carril bici entre Gondomar e A Ramallosa e a proceder á humanización do casco urbano de Gondomar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario