9 de feb. de 2011

TOMIÑO

Roberto Martínez será o candidato do PP á alcaldía de Tomiño


O PP da así un novo paso no camiño da renovación, cun cabeza de lista que se incorpora por primeira vez á política activa


· O presidente provincial do PP, Rafael Louzán, arroupou ao candidato na súa presentación ante os medios
· O cabeza de lista procede do ámbito da empresa e incorpórase por primeira vez á política activa co obxectivo de devolverlle a Tomiño un goberno serio, forte e unido
· Roberto Martínez recoñeceu que é “un novato” na política pero amosouse ilusionado co proxecto popular e comprometeu “traballo e honradez”



Manuel Roberto Martínez Domínguez será o candidato á alcaldía do PP en Tomiño. Así o confirmou na tarde de onte o presidente provincial dos populares, Rafael Louzán, nunha rolda de prensa na que se amosou convencido de que este paso adiante no camiño da renovación vai supor tamén un paso decisivo para que Tomiño recupere un goberno popular.
Martínez Domínguez incorpórase por primeira vez á política activa coa vista posta nun obxectivo principal: traballar arreo por Tomiño e polos seus veciños e veciñas.
Nesta liña, o presidente provincial incidiu en que o feito de que un profesional liberal, unha persoa procedente do mundo da empresa e ata o de agora alleo á vida pública se decida a encabezar a lista dun partido político nun momento de grave crise e de falta de confianza na clase política, é un acto de xenerosidade, de valentía e unha mostra de verdadeira entrega ao servizo dos cidadáns.
Para logralo, e segundo indicou Louzán, o PP ten ao mellor candidato: unha persoa eficaz, coñecedora da realidade de concello e, sobre todo, decidido a ofrecerlle aos cidadáns solucións e non problemas.
Neste sentido, o alcaldable popular recoñeceu que é “un novato” na vida política, pero salientou que inicia este camiño con pleno convencemento, coa seguridade de que se suma a “un proxecto ilusionante” e asegurou que “promete traballo e honradez”.
CAMBIO NECESARIO
Pola súa banda, César Pérez Ares apostou polo cambio necesario en Tomiño e asegurou que non se pode seguir perdendo o tempo cun goberno que sae caro. Ao seu xuízo, chegou a hora de rematar co “derroche innecesario” que levou a Tomiño a un grave endebedamento que pasou do 4,3 ao 57,8% en tan só catro anos.
Así, segurou que Tomiño precisa un programa de goberno serio, que inclúa o polígono industrial e o saneamento integral, algo que stá en disposición de ofrecer o PP. Para iso, reclamou todo o apoio necesario para conseguir unha maioría natural que permita modernizar Tomiño.
INTEGRACIÓN DE INDEPENDENTES
O líder provincial amosouse convencido de que hoxe o PP está en disposición de logralo, porque é un partido unido, reforzado coa integración fai pouco máis de seis meses dos membros de Alternativa Tomiñesa e que se intentará reforzar aínda máis nos vindeiros días, xa que, segundo Rafael Louzán, o PP é un partido que busca sumar e que está desenvolvendo un intenso traballo para aglutinar en torno á súas siglas aos partidos de centro dereita.
Este obxectivo é un dos primeiros retos que se marca o candidato popular, que asegurou que o primeiro que vai facer vai ser tratar de integrar a Centristas de Tomiño para conseguir un grupo sólido de centro-dereita en Tomiño. Amosouse confiado en que a súa constancia lle permita atraer ás filas do PP aos membros da formación centrista, co que o PP sairía fortalecido e, sobre todo, non se dispersarían forzas que poden darlle ao municipio un futuro moito mellor.
Finalmente, o alcaldable popular referiuse á lista coa que se presentará aos comicios e salientou que, aínda que non comezou a pensar en nomes, traballará intensamente para formar “un equipo de xente cualificada, competente e con gañas de traballar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario