3 de feb. de 2011

OURENSE

UN CD RECOLLE A MÚSICA MEDIEVAL MÁIS IMPORTANTE COMPOSTA EN OURENSE



“É un regalo da historia para os nosos oídos”. Así definíu o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, o CD que hoxe se presentou no Centro Cultural, que recolle un extenso traballo de investigación do profesor Manuel Rey Olleros, que culminou coa edición dun traballo discográfico que recolle o máis importante da música medieval que se creaba e interpretaba no Ourense da Idade Media.
Trátase do traballo “La música medieval en Ourense”, gravado en Roma, na Basílica do Santi XII Apostoli, que recolle 18 pezas de música gregoriana: himnos, responsorios, antífonas, invitatorios, salmos e cantos específicos para o Apóstol Santiago, interpretadas por “Gregoriani Urbis Cantores”, un dos conxuntos de música medieval máis importantes do mundo, dirixido por Alberto Turco.

Este traballo foi posible grazas á colaboración da Deputación de Ourense, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, e ven a ser o punto final dunha longa investigación iniciada hai cinco anos por Rey Olleros sobre a historia da música medieval en Ourense. O equipo de investigadores e colaborados que fixo posible este proxecto está integrado tamén polo profesor José María Álvarez, prologuista da obra e encargado de seleccionar as pezas musicais do CD; Carlos Núñez, como editor, e os arquiveiros da Catedral de Ourense que puxeron a disposición dos investigados o importante legado musical que atesoura o templo ourensán.

Ante unhas 200 persoas que se deron cita hoxe na presentación do CD, José Luis Baltar dixo que este CD “permite poñer accesible para todos unha música que quedaría perdida. É un proxecto pioneiro que terá a súa continuidade con outro traballo de recompilación da música medieval de Galicia, e nós desde Ourense sentímonos orgullosos porque esta é unha mostra máis da importancia cultural da nosa provincia, que foi e queremos que siga sendo a Atenas de Galicia”.

Pola súa banda, o director xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia, Francisco López, dixo que obras e investigacións deste tipo “alimentan a nosa sensibilidade a través da música e permítenos valorar ese gran patrimonio histórico e cultural que temos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario