25 de xan. de 2011

PONTEVEDRA

RÍAS BAIXAS CONSOLÍDASE COMO SÉTIMO DESTINO TURÍSTICO DE ESPAÑA CON 3.114.000 PERNOCTACIÓNS HOTELEIRAS DURANTE O 2010
En total visitáronnos 1.167.000 persoas, cunha estancia media de 2,67 noites



As Rías Baixas consolidáronse este ano como un dos dez destinos turísticos máis visitados durante o 2010 segundo os últimos datos do INE que se veñen de facer públicos. En total máis de 3.114.000 pernoctacións para un total de 1.167.000 visitantes. Segundo o presidente de Turismo Rías Baixas, José Manuiel Figueroa, “as cifras confirman o traballo de promoción levado a cabo polo Padroado durante estes anos para consolidar un destino de calidade cunha oferta variada”.
O vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, fixo estas declaracións nunha comparecencia de balance das accións realizadas en Fitur e na que presentou os últimos datos do Observatorio Rías Baixas. Con respecto á Feira Internacional de Turismo, Figueroa resaltou que visitaron o stand máis de 40.000 persoas entre profesionais e público en xeral.
Neste evento presentáronse o que serán os eixos de actuación futuros para incrementar as visitas consistentes na potenciación do turismo de proximidade, a aplicación das novas tecnoloxías e internet, a posta en marcha do chamado turismo de accesibilidade para persoas con discapacidade e a realización dun estudo sobre a repercusión económica do turismo na nosa provincia, que conduza a xerar emprego e riqueza.
Entre os datos que deu a coñecer José Manuel Figueroa destacan o incremento de visitantes con respecto ao 2009 e aínda non están pechados os datos xa que coa porcentaxe de ocupación durante a Ponte de decembro podería verse incrementada a cifra total ata chegar a 1,3 millóns de visitantes. Cómpre sinalar que os datos que computa o INE só inclúen pernoctacións en hoteis e como é sabido as Rías Baixas rexistran un alto índice de visitantes que alugan vivendas particulares ou que fan outro tipo de turismo como as visitas a familiares.

315.000 cruceristas en Vigo
Entre os sectores que se consolidan como un nicho de mercado importante está o chamado turismo de cruceiros. “Quero felicitar á presidenta do Porto de Vigo, Corina Porro, pola labor desenvolvida na captación de novas rutas de viaxeiros finalizando o 2010 con 315.000 cruceiristas, chegados en 114 buques, o que supón un incremento do 11% con respecto aos 101 cruceiros do 2009 e 5.000 persoas máis”, explicou José Manuel Figueroa.

252.000 visitantes a Santa Tegra
O turismo cultural preséntase igualmente como unha opción dentro das Rías Baixas. Ademais da multitude de monumentos que se poden atopar nos distintos concellos, as Rías baixas contan con varios museos de referencia. Destaca o número de visitantes recibido polo de Santa Tegra, que con 252.000 visitantes, case 20.000 máis que no ano anterior, encabeza os espazos museísticos das Rías Baixas.
O segundo museo máis visitado foi o Provincial, que coa ampliación pasou de 189.000 a 225.000 persoas. Incrementa tamén un lixeiro incremento o MARCO, en Vigo, con 91.000 visitantes, 2.000 máis que o anterior ano. O 2010 tamén foi o ano de posta de longo do Museo Valle-Inclán, que tivo máis de 3.000 visitantes.

Case 300.000 persoas achegáronse ao Parque das Illas Atlánticas
O turismo náutico nas Rías tamén se viu incrementado en máis de 18.000 turistas. Durante o 2010 visitaron o parque das Illas Atlánticas máis de 292.000 persoas. Destacaron pola súa afluencia as Illas Cíes, que tiveron máis de 185.000 visitantes.
A Illa de Ons foi visitada por máis de 85.000 turistas. Sálvora pasou de ter 6.220 visitantes a 9.433, aumentando notablemente o número de persoas que acudiron en transporte comunitario de ría. Por último, a Cortegada chegaron 7.700 persoas.

Gasto diario medio de 100 euros
A creación de riqueza e postos de emprego é un dos obxectivos do Padroado de Turismo Rías Baixas. Este sector move xa na nosa comunidade máis do 11% da riqueza (aportación ao PIB) e xera o 12% do emprego. Segundo o estudo dado a coñecer por José Manuel Figueroa, o perfil do turista tipo que visita as Rías Baixas é un varón de entre 35 e 45 anos cun poder adquisitivo medio. O gasto estimado que efectúa nos tres días que promedia é de 100 euros por día, cifra que dá conta da importancia que ten o turismo para a xeración de riqueza.
Entre os datos que se extraen do perfil medio do visitante ás Rías Baixas destaca tamén que se despraza no coche particular. Segundo José Manuel Figueroa, “é importante realizar accións que conduzan a impulsar o turismo de proximidade porque coa crise económica se incrementará o número de visitantes que acudan en coches particulares coa familia como método para aforrar custes. Este é o motivo polo cal comezaremos a realizar presentacións dos noso destino turístico no norte de Portugal, Galicia, Castela e León e Asturias. Como excepción incluímos Cantabria este ano por petición dos empresarios do sector que consideran que se trata dun punto importante para a atracción turística”.
Segundo comentan os turistas enquisados, o 90% manifestan o seu desexo de volver. “Visitan a nosa provincia co intención de descansar e repiten a visita noutros momentos do ano, o que contribúe a desestacionalizar as estancias, algo moi importante para o desenvolvemento do turismo”, explica Figueroa.
Con respecto aos turistas estranxeiros, os portugueses son os máis numerosos, seguidos de franceses, alemáns e latinoamericanos. En total, segundo o INE, a maior parte dos nosos visitantes son españois (976.000), fronte a 191.000 estranxeiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario