15 de xan. de 2011

O ROSAL

O BNG asegura que a Consellaría de Sanidade négase a ampliar o servizo de pediatría e a cubrir a praza de matrona no Rosal



Alberte Alonso Pereira
Responsábel Local do BNG e candidato á alcaldía
Alberte Alonso Pereira: “é un insulto a veciñanza deste concello e pon de manifesto unha vez máis, que o alcalde do Rosal non ten peso político e é submiso ás ordes que lle chegan de Santiago”.

Infogauda / O Rosal
O BNG considera un insulto aos veciños do Rosal, a resposta dada pola Consellaría de Sanidade á iniciativa do Grupo Parlamentario nacionalista, na que solicitaba o servizo de pediatría diario e que se cubrira a praza de matrona no Centro de Saúde.
A resposta que acaba de dar a Consellaría de Sanidade á pregunta parlamentar é, para o candidato á alcaldía do BNG no Rosal, Alberte Alonso Pereira, “un insulto a veciñanza deste concello e pon de manifesto unha vez máis, que o alcalde do Rosal non ten peso político e é submiso ás ordes que lle chegan de Santiago”.

Iniciativa parlamentar
O BNG, presentara o pasado mes de outubro, a través da deputada Carme Adán, unha pregunta e unha proposición non de lei co fin de reclamar o servizo de pediatría diario e de que se cubrira a praza de matrona.
A Consellaría de Sanidade respostou dicindo que co servizo de pediatría que comparten O Rosal e Oia, está garantida a asistencia diaria para a poboación pediátrica rosaleira. “A realidade é que só se atende tres días á semana”, segundo asegura Alberte Alonso Pereira, e indica que “non é suficiente para atender a poboación infantil do noso concello. Ademais, os nenos e nenas non enferman só cando atende a Pediatra, martes, mércores e venres, senón que poden enfermar calquera día”.
O candidato nacionalista denuncia que na resposta de Sanidade “nin sequera mencionan a matrona, que tamén fora un dos motivos da iniciativa parlamentar”.
Moción no Pleno do Rosal
Estas mesmas reclamacións presentounas o grupo nacionalista no concello a través dunha moción, que finalmente foi aprobada por unanimidade no pleno celebrado o 29 de novembro do pasado ano.
Lamenta Alberte Alonso, que o alcalde simplemente aprobara a moción para lavarse a cara diante da cidadanía e que non se poña ao fronte destas reivindicacións veciñais. “Única e exclusivamente por que non quere enfrontarse aos seus superiores en Santiago”, asegura. Nese sentido indica que xa non é a primeira vez que isto sucede, sinalando que nunha proposta do BNG no concello, na cal se solicitaba instar a Xunta de Galiza a retirar o canón da auga e de vertido, “o alcalde rexeitouna, poñendo os intereses de partido por riba dos da veciñanza”, asegura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario