21 de dec. de 2010

OURENSE

RAIGAME DEDICA UN MONOGRAFICO Á FIGURA DE LUIS SEOANE

A Deputación de Ourense presentou hoxe un novo número da revista cultural e etnográfica “Raigame” (nº 33), que dedica un monográfico a Luís Seoane, un dos intelectuais galegos máis importantes do século XX. A presentación contou coa presenza do presidente da institución provincial, José Luis Baltar; Xabier Limia de Gardón, profesor de Historia da Arte, crítico e escritor, e os directores da revista Xulio e Mariló Fernández Senra, así como a responsable de Publicacións da Dep utación de Ourense, Ana Malingre.
José Luis Baltar afirmou que nesta publicación “estamos a homenaxear a un galego nacido en Arxentina que foi un dos grandes da nosa cultura, porque non se pode entender a cultura galega sen Seoane, sobre todo a cultura popular á cal Seoane lle deu un carácter universal”.
Pola súa banda, Xabier Limia –autor un documentado artigo que analiza as portadas dos libros de Seoane e as súas ilustracións- dixo que Luís Seoane “foi capaz de crear patria máis aló de Galicia e dos aspectos políticos, porque as súas imaxes, cadros e debuxos seducen e levan unha fonda carga de galeguidade”.
Limia engade que Seoane desenvolveu unha ampla actividade de deseño de tapas e ilustracións de libros, “primeiramente dos amigos, que desde a fase final da súa estadía en Galicia poñen nas súas mans esta importante tarefa, sendo o caso máis destacado o de Álvaro Cunqueiro”.
A Fundación Luís Seoane foi a encargada de coordinar este número monográfico de “Raigame”, segundo explicou Xulio Fernández Senra. A revista fai un percorrido completo pola obra de Seoane, “quen transmite a través da súa creatividade un novo concepto multidisciplinar e poliédrico da arte en Galicia. Pintor, debuxante, gravador, ilustrador, muralista, editor, xornalista, poeta, ensaista, ceramista, xestor cultural…, pode ser considerado como un artista global que tivo sempre a Galicia como guieiro monotemático”.
Toda a creatividade de Luís Seoane estivo ao servizo de Galicia, tanto na nosa terra como na Arxentina. Tivo en Isaac Díaz Pardo un colaborador e compañeiro inseparable e xuntos desenrolaron unha frenética actividade que se concretou en numerosos proxectos, entre os que destaca o “Laboratorio de Formas de Galicia”. Para preservar a súa memoria e as súas creacións, a Fundación “Luís Seoane” desenrola desde o ano 2003 unha importante labor de custodia e difusión da súa obra, cuxo cerne foi permanentemente a identidade galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario