
“Quixemos rematar o ano no que se cumpre o 10º aniversario da apertura do Centro Cultural cunha exposición espectacular e cun gran creador, e penso que a obra de José Manuel Ciria responde a iso”. Así definiu hoxe Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación, a exposición que a partires de mañá xoves se abre ao público, unha mostra de obras de gran formato do artista José Manuel Ciria, quen expón por primeira vez en Ourense, logo de le var por diferentes partes do mundo a súa pintura, cargada de mensaxe, a cabalo entre a xeometría e o arte abstracto.
A exposición amosa cinco series, que o autor define como “estacións” ou “puntos de encontro”, nas que fai un percorrido polas diferentes maneiras que ten de entender o arte pictórico. Estes cinco espazos –que se reparten entre as dúas salas expositivas do Centro Cultural- denominados “La guardia place”, “Máscaras burlescas”, “Dudles”, “Memoria abstracta” e “Cabezas de Rorschach 3”, baseada esta última serie nos famosos test de conduta do psicólogo suízo Hermann Rorschach.
O comisario da exposición, Carlos Delgado, dixo de José Manuel Ciria que foi na década dos 90 “unha das propostas plásticas máis sólidas e avaladas pola crítica. En 2005 trasládase a Nueva York, onde segue evolucionando e comeza a caracterizar a súa obra na mestura entre a xeometría e o arte abstracto e xestual”.
Pola súa banda, o autor defínese coma un artista “investigador e experimentador”, afirmando que na súa obra amosa as súas vivencias, “tentando que vaian da man o arte figurativo e o abstracto”. Ciria, nacido en Manchester de pais españois, pasou sen embargo a maior parte da súa vida en Madrid.
As 46 obras que compoñen a exposición que mañá se inaugura no Centro Cultural da Deputación destacan pola súa dimensión, calidade e espectacularidade. A mostra permanecerá exposta ao público ata o día 30 de xaneiro, e compleméntase cun importante catálogo de máis de 300 páxinas que recolle a rica traxectoria creativa de José Manuel Ciria e amosa a beleza das creacións que podemos admirar na exposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario