28 de set. de 2010

GALICIA

Irán: Amnistía Internacional pide que Sakineh Mohammadi Ashtiani no sexa executada por ningún medio




Amnistía Internacional / Galicia


Continúa a recollida de sinaturas en www.actuaconamnistia.org

Amnistía Internacional fai un novo chamamento ás autoridades iranianas para que non executen a Sakineh Mohammadi Ashtiani por ningún medio.
A organización fai este novo chamamento despois da declaración que realizou onte un funcionario iraniano sobre este caso. “Esa declaración contribúe a engadir máis confusión sobre a situación xurídica actual de Sakineh Mohammadi Ashtiani e sobre o proceso que seguen na súa contra as autoridades iranianas, buscando a desmobilización da comunidade internacional”, declarou Carlos Fernández, voceiro da Amnistía internacional en Galicia.

Amnistía Internacional teme que as autoridades iranianas estean tratando de desviar as críticas que están recibindo, e por iso presentan a Sakineh como unha criminal perigosa que merece ser executada. A súa vida está en xogo. A organización oponse de forma incondicional á pena de morte en todos os casos e en todas as circunstancias porque viola o dereito á vida e sobre a base de que é o expoñente máximo de pena cruel, inhumana e degradante.

A organización insiste en que Sakineh Mohammadi Ashtiani non debe ser executada por ningún medio nin baixo ningunha acusación.

No seu novo chamamento, Amnistía Internacional pide ás autoridades iranianas que:

Aclaren por escrito cal é a situación legal na actualidade de Sakineh Mohammadi Ashtiani, informando a súa familia e os seus avogados, e que se leve a cabo unha revisión transparente do seu caso.

Liberen inmediatamente a Sakineh Mohammadi Ashtiani. Se continúa en prisión só baixo a acusación de manter relacións sexuais consentidas entre adultos, Amnistía Internacional consideraríaa presa de conciencia.

Aseguren que non van presentarse novos cargos na súa contra en relación co asasinato do seu marido, asunto por que xa foi xulgada e condenada.

Promulguen unha lexislación que prohiba a lapidación como un castigo legal, e que impida o uso de calquera forma de pena de morte ou castigos mediante azotes para os condenados por "adulterio" ou outros delitos.

Despenalicen as relacións sexuais consentidas entre adultos.

Continúa a recollida de sinaturas en http://www.actuaconamnistia.org/

Amnistía Internacional continúa recollendo sinaturas para impedir a execución de Sakineh Mohammadi Ashtiani a través da web: http://www.actuaconamnistia.org/.

Desde o mes de xullo recolléronse máis de 300.000 sinaturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario