EXPLOSIÓN DE HIPERREALISMO NO CENTRO CULTURAL, COA PINTURA DE LINO LAGO

Infogauda / Ourense
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolle dende hoxe e ata o vindeiro 8 de agosto a exposición pictórica de Lino Lago, unha mostra de 17 cadros onde o hiperrealismo e o arte conceptual son os principais protagonistas.
Pinturas que semellan fotografías, cadros asa ltados por graffiti urbano, lenzos con suxestivas mensaxe, e nenos e nenas que miran ao espectador dende detrás dun cristal mollado, son algunhas das propostas que Lino Lago exhibe nunha exposición que o propio director do Centro Cultural, Francisco González, cualificou de “espectacular”, tanto pola técnica empregada como polo resultado final do conxunto.
Na presentación do libro-catálogo que tivo lugar esta mañá no Centro Cultural, Francisco González agradeceu a “gran implicación” do autor á hora de elaborar o catálogo e de montar a exposición. “Lino é un pontevedrés que reside en Lituania, e o feito de traballar a distancia supuxo para todos un gran esforzo, pero temos que agradecerlle que trouxese de Lituania a Ourense esta fermosa exposición, porque supón unha oportunidade única de poder admirar na nosa cidade unha obra con tanto calado hiperrealista”.
Francisco González dixo que os motivos mariños, as augas, os cristais, os espazos urbáns..., “marcan a contemporaneidade dun artista que se expresa dun xeito singular transformando a realidade”. Proba dese realismo levado ata as últimas consecuencias que propón Lino Lago é que nos próximos días o propio autor pintará en directo, á vista de todo o público, no propio centro cultural, unha iniciativa que se está ultimando e que a ben seguro será todo un éxito pola súa orixinalidade, explicou o director do Centro Cultural.
Pola súa banda, Lino Lago dixo que as 17 obras que expón no Centro Cultural da Deputación representan dez anos de traballo, onde se pode apreciar a evolución no estilo do autor. “Interésame por riba de todo transmitir reflexión, que a miña obra suscite debate, e por iso pinto o que considero que é a miña realidade, que case nunca coincide coa imaxe dunha fotografía aínda que se asemelle a ela”.
Lino Lago defínese como un pintor de arte conceptual, que ao longo do tempo foi evolucionando dende obras “mansas e mesuradas” como son os cadros onde o mar é o protagonista, a outras obras como son as que pinta na actualidade, onde a mensaxe e un certo punto de transgresión danlle aos seus cadros un carácter singular e unha gran forza expresiva.
A inauguración da exposición terá lugar hoxe, ás 20.15 horas, no Centro Cultural da Deputación de Ourense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario