
Infogauda / Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, recibíu hoxe ao embaixador de España en China, Carlos Blasco Villa, quen acudíu a Ourense á presentación do DVD realizado con motivo da xira realizada pola Real Banda de Gaitas da Deputación polo país chinés o pasado mes de maio. José Luis Baltar agradeceu a presencia de Carlos Blasco e destacou a súa sensibilidade, o traballo e as xestións diplomáticas realizadas para que a xira da Real Banda fose un éxito.
Pola súa banda, Carlos Blasco dixo que a importante labor de difusión cultural da Real Banda “vai máis aló da música, porque supón levar polo mundo a forma de ser de todo un pobo”, e animou a seguir estreitando os vínculos entre Galicia e China en todos os ámbitos: social, artístico, cultural e económico.
A presentación do DVD tivo lugar no Centro Cultural da Deputación, coa presenza de Carlos Blasco, acompañado de Xosé Lois Foxo e do vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, Moisés Blanco. O traballo recolle a viaxe que a Real Banda fixo China, actuando na Exposición Universal de Shangai, no mausoleo dos Guerreiro de Terracota, en Xian, e na Gran Muralla China, en Pekín, ademais dos actos institucionais nos que participou. Xosé Lois Foxo, director da Real Banda agradeceu todo o apoio prestado polo equipo da Embaixada de España en China, “ao fronte do cal se atopa unha persoa como Carlos Blasco, quen dende o primeiro momento apostou firmemente por este proxecto, e a súa axuda fixo posible que puidésemos facer realidade un feito tan importante como que por primeira vez un gaiteiro, e aínda máis unha banda de gaitas, tocase na Gran Muralla”.
Foxo afirma que o obxectivo da xira foi achegar a todos o público a afinidade musical entre dúas culturas tan distantes como a galega e a chinesa”. Para o proxecto audiovisual a Real Banda grabou dous temas en chino: “Mo li hua” e “Full of Joy”, acompañada polo músico chinés Xiao Ping.
A xornada do embaixador de España en China completouse cunha visita á Escola de Gaitas da Deputación e ao Museo da Cornamusa, para rematar cun percorrido turístico polo Casco Vello de Ourense.
A xira da Real Banda de Gaitas por China levou en primeiro lugar á formación ourensán á Exposición Universal de Shanghai. Alí actuou no Pavillón de España ante centos de turistas, visitantes e representantes institucionais, que mesmo coreaban “A Rianxeira” como cantaban solemnemente “Mo li hua”.
Xian foi a segunda etapa. Esta antiga capital imperial, que durante 13 dinastías rexeu os dominios do inmenso imperio chinés, quere hoxe en día recuperar o esplendor da “Ruta da Seda”. Aquí foi precisamente ondea Real Banda ofreceu un dos máis singulares concertos da súa xira: ante os 8.000 Guerreiros de Terracota, ese exército de barro que defende a inmortalidade do emperador que unificou China.
As relacións institucionais ocuparon tamén boa parte da axenda da Real Banda en China. En concreto, no Concello de Pekín foi recibida polo responsable do Bureau Municipal de Cultura, quen recibiu de mans de Xosé Lois Foxo e de Moisés Blanco, vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, unha gaita, o instrumento que mellor representa a defensa dos valores da música tradicional galega. Pola súa banda, a Real Banda foi agasallada cun fermoso libro feito en seda, que representa pasaxes da vida tradicional chinesa.
Pero posiblemente o acto máis emotivo de todos os que integraron a axenda da Real Banda en China foi a recepción oficial que tivo lugar na Embaixada de España, onde medios de comunicación, empresarios españois, compatriotas e persoal diplomático de España en China, a Real Banda de Gaitas ofreceu un concerto intimista pero cun fondo calado sentimental para todos. Carlos Blasco, máxima autoridade diplomática española en China, cualificou de “privilexio para o espírito” o feito de poder escoitar en directo aos reais gaiteiros de Ourense a tantos quilómetros de casa, e dixo que nada mellor hai que a música e a cultura para irmanar aos pobos.
Esta foi, sen dúbidas, a actuación do agradecemento con maiúsculas polo traballo que ao longo de dous anos levou a cabo o equipo diplomático da Embaixada de España para facer posible que a Real Banda puidese tocar na Gran Muralla de Mutianyú.
Ningún comentario:
Publicar un comentario