19 de xul. de 2010

OURENSE

OS VIÑOS DA RIBEIRA SACRA OURENSÁ CELEBRAN A SÚA III MOSTRA




Infogauda / Ourense
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da III Mostra de Viños da Ribeira Sacra Ourensá, un evento que terá lugar os días 24 e 25 de xullo en Castro Caldelas, organizado pola Asociación de Adegueiros da Ribeira Sacra Ourensá e coa colaboración da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia, do Padroado de Turismo, do Inorde e dos concellos da comarca.
Na mostra está prevista a participación de 11 adegas, case a totalidade das enmarcadas no ámbito da Ribeira Sacra Ourensá, que darán aos visitantes a coñecer a excelencia dos seus caldos. Segundo dixo na presentación Jorge Feijoo, presidente da Asociación de Adegueiros da Ribeira Sacra Ourensá, “esta mostra estase a consolidar e é un escaparate magnífico para dinamizar a nosa comarca, dando a coñecer os seus potenciais turísticos, gastronómicos, paisaxísticos e, especialmente, os vinícolas”.
Os stands da mostra situaranse na Praza do Prado, de Castro Caldelas, e entre as actividades previstas figura un relatorio sobre viticultura, que impartirá o presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, ademais de catas, xogos para nenos e degustación de produtos típicos da zona.
Jorge Feijoo dixo que nestes momentos a Consellería de Medio Rural está a desenvolver na comarca da Ribeira Sacra Ourensá un plan de dinamización, que foi moi demandado dende a asociación de adegueiros, que ten como finalidade a realización de infraestruturas e mellora de pistas de acceso aos viñedos, “que nos permitirá realizar o noso traballo de agricultores do viñedo en mellores condicións, e iso vai redundar en beneficio de todos porque contribuirá a modernizar servizos e infraestruturas na comarca”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario