PRESENTADAS AS ACTIVIDADES CULTURAIS DO VERÁN EN VILAMARÍN

Infogauda / Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e a concelleira de Cultura deste concello, Marina Rodríguez, presentaron hoxe na Deputación as actividades lúdicas e culturais que terán lugar ao longo deste verán no Concello de Vilamarín. Concertos, actuacións teatrais, exposicións, xornadas de convivencia e obradoiros conforman unha ampla oferta de lecer que prevé atraer a Vilamarín e ao seu contorno a máis de 3.000 persoas.
As actividades comezan mañá sábado, 10 de xullo, a partires das 16.00 horas, coa celebración das XIX Xornadas de Convivencia , que teñen como obxectivo fomentar a información, a participación cidadá e a comunicación entre as persoas. Os participantes é un público de todas as idades e as actividades consistirán nun concurso de postres, xogos de mesa, globoflexia e unha discoteca móbil, para rematar cunha gran merenda.
Pero, sen dúbida, o evento que máis espectadores reúne en Vilamarín son as “Noites Teatrais”, un festival que este ano vai pola súa 23 edición e que se desenvolverá entre os días 13 ao 16 de xullo, ás 22.00 horas, no Auditorio Municipal de Vilamarín. Este ano as obras que se representan son: “O Día do Pai”, de Malasombra Produccións, o martes 13 de xullo; “Trufaldino, servidor de dos amos”, de MDM Producciones (Madrid), o mércores 14 de xullo; “Sempre quixen bailar un tango”, de Teatro Galileo (Sada), o xoves 15 de xullo, e “O segredo dos Hoffman, de Lagarta Lagarta (Vedra), o venres 16 de xullo. A entrada para todas as representación é libre.
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, felicitou ao alcalde de Vilamarín pola extensa programación cultural afirmando que poucos concellos do número de habitantes de Vilamarín “presentan unha oferta cultural tan variada e de calidade; se a iso unimos o éxito e a consolidación de moitas delas, que levan máis de vinte anos celebrándose, temos que recoñecer a gran labor que en Vilamarín se fai a prol da cultura de do ocio”.
Outras actividades que terán lugar ao longo do verán son a XV edición do festival folclórico “O ruxir e rebulir das meigas”, que se celebrará o día 7 de agosto, e que ten como obxectivo amosar o folclore doutros lugares da nosa xeografía galega, nacional e internacional.
Ademais de todo iso haberá actividades deportivas e de lecer para nenos e maiores, e a piscina municipal que estará aberta ata o día 15 de setembro. Todas as actividades de tempo libre, convivencia e deportivas desenvolveranse na zona do Outeiro Maior, nas instalacións deportivas. Como novidade este ano, dada a celebración do Xacobeo 2010 e como Vilamarín é un concello que pertence á Vía da Prata, a organización do Xacobeo patrocina un concerto do grupo folk “A Roda”, que terá lugar o 3 de setembro no campo de festas de Bouzas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario