ESCULTURA DE NITO CONTRERAS CHEGA AO CENTRO CULTURAL DA DEPUTACIÓN

O escultor Nito Contreras inaugura mañá, xoves, día 8 de xullo, a súa mostra "A escultura en fragmentos", onde o artista experimenta con materiais empregados polos escultores ao longo da historia (ceras, chumbo, aluminio, cobre, etc).
Infogauda / Ourense
Por un prexuízo que perdura, o home primitivo non sería capaz da experiencia estética da paisaxe e nin sequera podería inventala. Dise que a paisaxe é unha experiencia estética que precisa dunha educación e é prerrogativa das civilizacións máis evolucionadas. Así, polo menos en Occidente, isto tería aparecido e desaparecido, de cando en vez, coa aparición e a desaparición dos homes civilizados en grao de percibilo: na época helenística, na Roma imperial, en Italia a partir do século XIV. É dicir, a paisaxe segundo criterios lingüísticos, literarios, pictóricos o filosóficos, ven a ser obxecto teórico só a finais do século XVIII. En resumo, cando a paisaxe está definitivamente codificada como experiencia estética e anti-utilitaria. Nós, pola contra, consideramos que a paisaxe como experiencia estética e anti-utilitaria é inmemorial, que existe dende que o home comezou a errar. O home sempre tivo actividades anti-utilitarias, antes de que o concepto de utilidade fose formalizado por primeira vez pola emerxente sociedade burguesa. Téndese a pensar que a conciencia da existencia dunha experiencia é dunha práctica está ligada ao momento no que nace a palabra ou peor aínda, cando se codifica na alta cultura; así é polas palabras Paysage en Francia (1549) e Paesaggio en Italia (1552), palabras, sen ancoraxe ó latín, que aluden a un novo tipo de representación. A confirmación de que non había unha cultura verdadeira e propia da paisaxe apela ó feito de que normalmente na literatura o escritor anterior o Renacemento se rendese ante unha paisaxe, admitindo que non hai palabras para describir aquilo que ve, ou recorre a unha descrición sumando singularidades. Trátase dun erro grave, xa que é propio da experiencia innomeable e indicible, o feito de que, faltando as palabras, xurde a paisaxe. E, polo contrario, é típico que, cando se comezan a atopar as palabras, aquela convértese nun repertorio, nun catálogo, nunha tarxeta postal, e morra no corazón dos homes. Outro erro é o de someter a paisaxe á primacía do visual. Dise que o heroe da paisaxe é o artista, o home de ciencia, e inda máis o turista dos séculos XVIII e XIX, ou sexa, aqueles que codifican a imaxe. Porén o heroe da paisaxe é, segundo a nosa opinión, aquel que camiña, explora, erra, deixa sinais; o home que mentres erra, aínda que non buscándoo intencionadamente, queda completamente capturado e non só como capaz de ver.
Nito Contreras recupera a primitiva experiencia estética da paisaxe, aquela que mesmo se nega que existe, a experiencia prehistórica dunha paisaxe innomeable e indicible. Nito Contreras non ofrece narracións nin descricións. Non busca palabras senón que, considerándoas lugar de engano, esforzase para librarse delas. Pero a súa non é unha fuxida da civilización, unha fuga cara atrás diante do espectáculo da destrución da natureza, a única paisaxe que se mantén realmente segundo os canons tradicionais, senón que é unha aceleración cara adiante. Nito Contreras non considera a civilización un eterno presente ou o destino da humanidade, senón que camiña a través dela para saír, mira ó lonxe e albisca o final. El considera a civilización un momento transitorio, onde máis alá dela non existe a barbarie, senón un home máis evolucionado co home civil coas súas tristes paixóns. Un momento transitorio onde certas experiencias eliminadas da nosa prehistoria, do noso pasado primitivo son feitas rituais. El desmonta cada paisaxe que atopa, fragmentándoas en singularidades que chama “relevos”, e tales fragmentos da paisaxe ponos en disposición de prestárense á libre recombinación. É unha crítica da paisaxe contemporánea que non se aproveita das palabras e das imaxes, é unha metodoloxía debedora da experiencia total do home primitivo. Para Nito Contreras o home primitivo non está en absoluto desprovisto de subxectividade ou devir. Un tempo no que os sabios criticaban ó home que perdía o seu tempo en admirar a paisaxe porque, segundo se dicía, facendo isto desatendíase a si mesmo, polo tanto a experiencia estética ten que ver co perderse a si mesmo, ca súa fragmentación, ca súa restitución da singularidade re-combinable libremente en paisaxes imaxinarias que aluden ó futuro das nosas paisaxes: ó home contemporáneo que se volve a atopar a si mesmo. Non dentro de si, senón fóra de si, máis alá da conservación dun repertorio catalogado ou da destrución da natureza por medio da civilización, inventando os primeiros elementos cos que construír unha nova relación non exclusivamente visual ou literaria entre o home e a súa paisaxe.
A paisaxe en fragmentos de Nito Contreras
Daniele Vázquez
Ningún comentario:
Publicar un comentario