2 de xul. de 2010

OURENSE

OURENSE ACOLLE O 53º CERTAME NACIONAL DE ACORDEÓN



Infogauda / Ourense


O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do 53º Certame Nacional de Acordeón, un evento patrocinado pola Deputación de Ourense que reúne hoxe e mañá na capital ourensá aos mellores especialistas neste instrumento, que competirán por acadar os postos que dan acceso a participar no campionato do mundo que se celebrará en Vigo no mes de setembro.
Segundo explicou o ourensán Daniel Rodríguez Meiriño, organizador do certame e delegado da Confederación Mundial do Acordeón en España, “este é un evento de longa tradición, pois non é doado acadar unha continuidade de 53 edicións en ningunha disciplina nin cultural, nin deportiva nin social, e sen embargo, o acordeón logra que cada ano poidamos ter unha convocatoria para atraer aos mellores acordeonistas, e isto é unha gran satisfacción para os amantes da cultura musical”.
Na presentación do certame estiveron tamén presentes o director do Centro Cultural da Deputación de Ourense, Francisco González, e o presidente do tribunal cualificador, o compositor vasco Juan Carlos Cárcamo.
Unha das figuras destacadas do certame –que se celebra na residencia Florentino Cuevillas de Ourense- será a acordeonista ourensá Helena Sousa, considerada unha das mellores de España, e que xa ten acadado o campionato nacional. “Agora o seu reto e conseguir o campionato do mundo –explica Daniel Rodríguez-, e para elo terá que competir con acordeonistas de máis de 20 países, entre os que se atopan Xapón, China, Nova Zelanda, Rusia e os demais países do Leste, Australia, Islandia, Portugal e España”.
No certame nacional establécense dúas categorías: menores e maiores de 18 anos, e dúas modalidades: música clásica e varieté (jazz, popular e outros estilos). Os participantes irán superando fases, ata un total de tres, que será a quenda á que chegarán os finalistas. Nesta edición os solistas e grupos participantes veñen de Cantabria, Pamplona, Madrid e Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario