23 de xuño de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN PRESENTA O LIBRO “LA MÚSICA MEDIEVAL EN OURENSE” QUE RECUPERA VELLOS PERGAMEOS DE MÚSICA GREGORIANA


Recuperar a música gregoriana escrita nos vellos pergameos conservados en Ourense foi o obxectivo do investigador e doutor en musicoloxía, Manuel Rey Olleros, quen, co patrocinio da Deputación de Ourense e da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, ven de publicar o seu último traballo dunha triloxía sobre a música medieval na nosa provincia.
O libro, editado por “Armonía Universal” en máis de 350 páxinas toda unha fonda labor investigadora levada a cabo polo doutor Rey Olleros coa finalidade de recuperar os códices musicais da Idade Media en Ourense, e neste caso os referidos aos documentos do Arquivo Capitular de Ourense.
No acto de presentación estiveron, ademais do autor, Manuel Rey Olleros, e do editor, Carlos Núñez, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Isabel Pérez; o canónigo e arquiveiro da Catedral de Ourense, Miguel Ángel González, e o prologuista do libro, José María González.
José Luis Baltar dixo que a importancia do traballo de Rey Olleros “radica en que recuperou para os estudosos un tesouro que levaba séculos agochado nos arquivos, e agora queda a segunda, que é interpretar estas composicións musicais para que todo o público poida escoitar en directo as melodías medievais que os autores compuxeron en Ourense hai tantos séculos”.
Baltar afirmou que Ourense “é unha provincia pioneira en recuperar as vellas e singulares herdanzas musicais, favorecendo así que estes importantes documentos saian á luz e non queden outros séculos no esquecemento”.
A colección do profesor Rey Olleros está a ter una gran acollida na comunidade investigadora, en concreto no eido da musicoloxía, e xa son moitos os expertos en música medieval que se interesaron por estes traballos e polo que supuxo de recuperación, catalogación e interpretación que o autor fai de xeito minucioso.
Con este terceiro volume complétase o estudo da música medieval en Ourense, proxecto apoiado e patrocinado pola Deputación de Ourense, co que a nosa provincia conta cunha obra de referencia mundial que será citada nos máis importantes foros sobre música medieval.

Ningún comentario:

Publicar un comentario