23 de xuño de 2010

OURENSE

CLINIC OURENSE 2010: “RUMBO Á EUROLIGA” CON XAVI PASCUAL

Os días 26 e 27 de xuño, o Clinic Deputación de Ourense contará coa presenza de Xavi Pascual, adestrador do Regal FC Barcelona. Ó longo de 6 conferencias presentará as claves e pormenores da construción do ataque e defensa do actual FC Barcelona, que o levou a consegui-la Euroliga na presente temporada.
O Clinic de Baloncesto Deputación de Ourense contará na súa 22ª edición coa presenza de Xavi Pascual, actual adestrador campión de Euroliga co Regal FC Barcelona. Os próximos 26 e 27 de xuño de 2010, baixo o título de “Rumbo á Euroliga”, Xavi Pascual presentará ó longo de 6 conferencias as bases que definiron o estilo de xogo do equipo, recoñecido polo seu xogo dinámico, vistoso, de ritmo elevado e espectacular.
Os adestradores asistentes poderán aproximarse e coñecer de cerca a filosofía, ideas e identidade como adestrador de Xavi Pascual, que contará co apoio en pista de Iñigo Zorzano, membro do seu staff técnico. Como complemento ó clinic, os días 2, 3 e 4 de xullo terá lugar a II Escola de Adestradores de Minibasket, que amplía o seu formato e que contará coa presenza de catro experimentados adestradores orientados á idade de iniciación no baloncesto.
Como novidade, ambas citas terán recoñecemento como horas prácticas para os cursos de adestrador de nivel 1 e 2 no 2009-2010 desenvolvidos polas federacións de Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias.Máis información e inscricións na web www.clinicourense.com
Traxectoria de Xavi Pascual no FC Barcelona
Xavi Pascual chegou ó FC Barcelona na temporada 2004/2005. Compaxinou o traballo de primeiro adestrador do segundo equipo do FC Barcelona (EBA) coa dirección técnica do baloncesto base. Finalmente, desde o ano 2005 e ata mediados da temporada 2007/2008 Pascual ocupou o cargo de segundo adestrador do primeiro equipo azulgrana como axudante de Dusko Ivanovic. Nesta etapa conseguiu a Copa do Rei e o subcampionato da Liga ACB (2006/2007).
No mes de febreiro de 2008, Dusko Ivanovic foi destituído, e Xavi Pascual fíxose cargo do equipo. Ata final de temporada, o equipo experimentou unha mellora notable. Os play-off ante o Iurbentia Bilbao en cuartos de final e contra o DKV Joventut nas semifinais foron todo un exemplo. O subcampionato de Liga e o xiro que fixo o equipo da man de Xavi Pascual servíronlle ó adestrador catalán para ganarse a confianza do club, co que continuou a temporada 2008/2009.
Neste último exercicio, con Juan Carlos Navarro como referente na pista, Xavi Pascual fixo historia. Converteuse no adestrador máis novo en gana-la Liga ACB, despois dunha trepidante final contra o TAU Vitoria, equipo adestrado polo ex técnico do Barça, Dusko Ivanovic. No cuarto partido do play-off, disputado no Palau Blaugrana o 18 de xuño de 2009, os de Xavi Pascual coronáronse campións da Liga ACB, o seu primeiro título como primeiro adestrador do equipo. Pouco antes, tamén puido celebra-lo pase á Final Four da Euroliga, tras eliminar ó TAU nos cuartos de final. En Berlín, porén, o Barça caeu eliminado ante o CSKA de Moscú. En calquera caso, a temporada 2008/2009 foi a da consolidación de Xavi Pascual no banco do FC Barcelona.
Na actual temporada, Xavi Pascual levou ó Regal FC Barcelona á conquista do seu segundo título de Euroliga, e une o seu nome ó de Lolo Sainz no palmarés de adestradores nacionais titulares dun banco que lograron o máximo título europeo a nivel de clubs. Nesta mesma temporada, o equipo ganou a Supercopa ACB e a Copa do Rei en Bilbao, ademais do subcampionato da Liga ACB.

Ningún comentario:

Publicar un comentario