16 de xuño de 2010

OURENSE

PRESENTACIÓN DO LIBRO “NOVE DUCIAS DE COGOMELOS DE OURENSE”



Infogauda / Ourense
A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro “Nove ducias de cogomelos de Ourense”, editado pola institución provincial e do que son autores Ricardo e Alejandro Míguez. O libro é unha guía que nos permite coñecer un bo número de cogomelos existentes na nosa provincia, e serve de referencia para todas aqueles que queiran achegarse ao mundo da micoloxía ourensá.
Segundo explicou Alejandro Mínguez, “poderá resultarlle útil tanto aos coñecedores do tema, coma aos profanos, pois ofrece todos o cogomelos que podemos encontrar na provincia de Ourense”. A obra é froito de moitos anos de estudo e recollida de cogomelos por parte dos autores, e comprende unha breve historia da macromicoloxía e describe os hábitats que hai en Ourense nos que se poden atopar cogomelos. O corpo central do volume está composto pola descrición de todos os cogomelos da provincia de Ourense, acompañada de fotografías dos mesmos.
No acto de presentación, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, dixo que a Deputación “ten como unha das súas principais limas de traballo a difusión e o coñecemento da riqueza patrimonial e cultural da provincia de Ourense, e os cogomelos forman parte da tradición da nosa gastronomía”. O presidente engadiu que pouco a pouco “imos creando unha cultura micolóxica e vai en aumento o número de actividades relacionadas con este tema, tanto empresariais como divulgativas, e por iso a Deputación, observadora desta demanda de inquietude cultura, non podía quedarse atrás e por iso presentamos este libro que servirá de referencia a aqueles que queiran achegarse á micoloxía ourensá”.
Ana Malingre, responsable de Publicacións da Deputación de Ourense, dixo que o libro ten unha tirada de 1.000 exemplares, que se distribuirán entre a editorial Galaxia (300), e de xeito divulgativo entre bibliotecas e institutos de ensino de Ourense.
Datos dos autores:
Alejandro Mínguez González (Ourense, 1974).- Colexiado número 307. Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ten feito moitos cursos de micoloxía e publicados moitos libros sobre este tema. Recibiu o premio “Xosé Aurelio Carracedo” de Xornalismo 2010 entre outros artigos, polos publicados en “A Nosa Terra” sobre micoloxía, en 2009.
Ricardo Mínguez Abajo (Madrid, 1947).- Técnico de Medio Rural. Xunta de Galicia. Responsable de la Oficina Agraria Comarcal de Celanova dende 1972. Ten publicado numerosos estudos sobre micoloxía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario