3 de xuño de 2010

OURENSE

A ARTISTA MÓNICA ORTUZAR EXPÓN NO CENTRO CULTURAL 140 AUTORRETRATOS


Infogauda / Ourense
A exposición podería titularse: “Na busca incansable do autorretrato perfecto”, pero non é ese o obxectivo da mostra que a artista Mónica Ortuzar ofrece dende hoxe no Centro Cultural da Deputación.
Trátase de máis de 140 autorretratos que a autora fíxose a ela mesma pero inspirándose na xente da rúa. “Quixen con esta obra poñer o rostro das persoas na miña propia cara, coller os seus trazos e refacer a miña faciana de múltiples formas e maneiras”. A artista di que a exposición foi pensada para colgarse no Centro Cultural da Deputación, e para elo empregou máis dun ano de traballo no que foi facendo un autorretrato cada día. “Púñame diante do espello, e como se fora un exercicio de obsesión e disciplina á vez, comezaba a trazar liñas pensando nas facianas da xente que vin pola rúa pero personificándoas co meu propio rostro”.
Segundo explicou a autora hoxe na presentación do catálogo da exposición, a obra fíxoa inspirándose no ir e vir dos viaxeiros a ateigan diariamente a estación de ferrocarril de Colonia (Alemaña), cidade que Mónica Ortuzar visita asiduamente. “Alí, nesa mestura de multiculuralidade, xurdiu a idea dos autorretratos inspirados na xente anónima, e penso que sería capaz de facer 500, quizáis 1.000 retratos máis, porque nunca abondan de esgotarse as ideas”.
O director do Centro Cultural, Francisco González, dixo na presentación que esta exposición destaca pola orixinalidade e polo minimalismo, “pois é unha mostra na que as obras aparecen colgadas sen marco e sen máis atavíos que as agullas de calcetar sobre as que se fixan por medio duns clips de camisa de home”.
A autora agradeceu o traballo do persoal de montaxe do Centro Cultural, “porque ás veces, cando se intenta facer exposicións con poucos accesorios, resulta máis laborioso iso porque require maior grao de perfeccionamento para que ao remate a obra se vexa limpa e sen complementos”.
Mónica Ortuzar, que é profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, afirma que quere fuxir de convencionalismos con esta exposición, unha mostra “que pode seguir ampliándose toda unha vida, porque cada faciana e cada xesto son diferentes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario