1 de xuño de 2010

OURENSE

FESTA DO PEIXE EN BANDE ESTA FIN DE SEMANA


Infogauda / Ourense
A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da 39 edición da “Festa do Peixe”, que terá lugar en Bande os vindeiros días 4, 5 e 6 de xuño. Máis de 3.000 persoas agarda a organización que se dean cita neste concello de A Baixa Limia “para degustar un dos pratos máis típicos da gastronomía ourensá desta zona da provincia, e tamén para disfrutar dun tempo de lecer, con actividades deportivas, sociais e musicais para todos os públicos”, explicou José Antonio Armada, alcalde de Ban de, durante a presentación.
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, presente no acto, dixo que o feito de que a Festa do Peixe acade xa a 39 edición, “supón un recoñecemento a este evento que poucas celebracións poden ter. Ano tras ano esta festa congrega a miles de persoas en Bande, co que isto supón de promoción turística e gastronómica”.
Como novidade deste ano, terá lugar unha concentración de motos Vespa e Lambretta, que prevé reunir a máis de 50 afeizoados de Galicia e do Norte de Portugal a este tipo de motos. Tamén se desenvolverá o tradicional campionato de pesca, no que participarán preto de un cento de pescadores, sendo unha das maiores concentracións de pesca fluvial que se celebra en Galicia.
No apartado gastronómico, instalaranse 50 casetas nas que se poderá degustar a gastronomía típica de Bande, cuxo elemento principal é o peixe, acompañado polo pan artesán dos fornos de Bande.
O programa complétase cun concurso de caza (tiro ao prato), rutas turísticas, obradoiros gastronómicos e actividades deportivas para nenos e maiores, como fútbol-sala, hockey a patíns ou patinaxe. O domingo 6 de xuño haberá unha procesión e misa solemne, acompañada pola Banda de Música de Ramirás e cantada pola Coral Camerata Auriense. E todo elo aderezado con música e verbenas que porán o punto lúdico-festivo a esta celebración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario