CONCELLO DE A GUARDA
ATT: SR. ALCALDE
D. JOSE M. DOMINGUEZ FREITAS
En A Guarda, 15 de abril de 2010
‘ÁBACO’ SOLICITA AO ALCALDE DA GUARDA QUE RECONSIDERE E MODIFIQUE AS OBRAS DA SENDA LITORAL
Se as polémicas obras de humanización da rúa Concepción Arenal (baixada ao porto) provocaban fai apenas cinco anos que un grupo de empresarios se unisen para evitar sen éxito o dano que ocasionarían ao sector turístico e comercial guardés ditas obras, hoxe cando o tempo lle dá a razón, ‘ábaco’ volve a opoñerse non as obras senón ao actual proxecto que pretende levar adiante Costas do Estado co beneplácito do concello guardés, na senda litoral e protección dunar das faldas do Monte Trega.
Na actualidade un dos principais problemas da vila sigue a ser o aparcamento. Así, a creación de preto de 250 prazas, segundo estimacións nosas, para albergar coches de veciños e usuarios dos establecementos da zona queda eliminada despois de ver como están transcorrendo as obras e como avanza o proxecto. Ademais, a limitación a un único sentido de circulación en dirección sur imposibilita o acceso ao Porto en días punteiros como Xoves e Venres Santo polos cortes de tráfico en Concepción Arenal por mor das procesións.
Por dar un dato, se na noite do Venres Santos os restaurantes do Porto pecharon as súas portas cunha media de dúas ou tres mesas por negocio, o xoves rexistraron un cheo absoluto cando as trombas de auga que caían non deixaron saír a procesión, pero non afectaron en absoluto á restauración. E esta circunstancia vaise repetir dentro de escasos días co Desfile de Exaltación do Traxe Rexional e uns días despois coas Festas do Corpus e tamén co Encontro dos Pobos, o Desfile do Monte, etc. E non só este verán, xa que se isto non o remediamos será así para sempre.
O futuro dos establecementos da zona depende das rectificacións que dende o concello se fagan deste proxecto. Queremos dar a imaxe dun pobo turístico, pero en realidade estamos pechando toda posibilidade de saída. Tras a reforma de Concepción Arenal, unha das apostas por mellorar este enclave era buscar unha saída e unha entrada ao porto polos que puidesen circular sen problemas turismos e autobuses, camións e demais vehículos pesados. Pero desta maneira o que se aprecia é que o porto estase pechando en lugar de abrirse. Por iso, deberían modificarse as obras ata o punto de garantir aparcamento e non só unha saída, senón tamén unha entrada polo sur que garanta unha dinamización deste espazo e, como conseguinte, protexa os postos de traballo dos establecementos da zona.
_______________________________________
Nota da Redacción de Infogauda:
En relación ás obras da Senda Litoral que se están a efectuar no Concello de A Guarda, a Asociación Ábaco presentou o escrito precedente no Rexistro de Entradas do concello guardés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario