Máis de 50.000 persoas saíron á rúa en Vigo contra a privatización da sanidade
Preto do 80% do persoal sanitario secundou a folga
"A privatización no financiamento abre a posibilidade de introducir o copagamento, isto é, non só pagar os impostos senón tamén por cada acto médico"
Comisións Obreiras / Vigo
Dende hai moitos anos, tanto CCOO como outras forzas sociais alertaban da falla de infraestrutura sanitaria na zona de Vigo para igualar a atención dos pacientes desta área cos da zona norte de Galicia, onde a Administración sanitaria era xenerosa cos investimentos.Falábase xa naquela altura da necesidade dunha cidade sanitaria que xuntase os seus recursos e lle dese á poboación a carteira de servizos sanitarios necesarios que, mentres na Coruña eran públicos, na cidade de Vigo, amais de dispersos, dábanselle a parte da poboación no centro privado Povisa, onde está asignada.
«Por fin», explica Lola González, secretaria xeral de Sanidade de CCOO, «en xuño do 2006 establécese un acordo asinado entre as forzas sindicais, a Xerencia de Povisa, o Sergas, a Universidade e o empresariado de Vigo, no que se establece a necesidade da construción dun novo hospital para a área sanitaria viguesa».
Naquel momento, desde a Xerencia do CHUVI impúlsanse reunións de traballo entre profesionais e distintos colectivos para elaborar o chamado plan estratéxico do novo hospital. Unha vez concluídas as comisións de traballo trasládanse ao Goberno bipartito, que comparte o proxecto.
«Pero a alegría, o entusiasmo e esforzos investidos convértense de súpeto, coa chegada do PP e os novos acontecementos sobre o novo hospital, en frustración, desengano e un regreso á loita por unha política social xusta e non discriminatoria», explica González.
CCOO considera que a sanidade pública en Vigo e Galicia está «seriamente ameazada» pola política privatizadora da Xunta.
«Feijóo e a conselleira de Sanidade optaron por comezar, unha vez máis, por Vigo para probar experimentos, e decidiron tirar pola borda un proxecto consensuado polas forzas sociais que consistía en ter un hospital con xestión pública para toda a área sanitaria» e substituílo por outro que, esencialmente, consite en:
1. Ademais de pechar o Hospital Xeral, o do Rebullón e P. Cíes, reducir as camas do Meixoeiro e Nicolás Peña. Igualmente, reducir as camas e o investimento do novo hospital de Vigo. «Curiosamente, o número de camas recortadas coincide co número de camas de Povisa», aduce González.
2. O novo hospital será construído, xestionado e controlado por mans privadas. Non só privatizarán sectores non sanitarios, «senón que reducirán os cadros sanitarios: persoal médico, de enfermería, persoal técnico, etc., cunha grave deterioración da calidade asistencial. E isto dicímolo avalados polas experiencias británicas, valenciana, madrileña...», explica a sindicalista.
3. O hospital será máis caro, pois «din as voces interesadas que pagar os 250 millóns de euros que custaría construílo e coa 'hipoteca' a vinte anos iríase a máis de mil millóns de euros».
Para a secretaria xeral da Federación de Sanidade, este elevado custo pagaríase recortando os investimentos e os cadros de persoal, «empeorando gravemente a sanidade». Ademais, esta privatización no financiamento «abre toda posibilidade xa prevista de introducir o copagamento, ou sexa, non só pagar os impostos senón tamén por cada acto médico (acudir a unha consulta, a urxencias…)», denuncia a dirixente sindical.
Por estas razóns, Comisións Obreiras continuará mobilizándose en defensa dun sistema sanitario público para a cidadanía galega.
COMENTARIOS DOS LECTORES DE INFOGAUDA
Anónimo dixo:
O Feijóo é bon alumno da Esperanza Aguirre, que en sanidade e ensino parece tan tola como o outro Aguirre ó da película "Aguirre o la cólera de Dios".
O pobo de Vigo terá que sair á rúa moitas veces...
Ningún comentario:
Publicar un comentario