2 de mar. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ABRE UN PLAZO DE UN MES PARA SOLICITAR SUBVENCIÓNS POR DEPORTE FEDERADO E CULTURA, POR UN ORZAMENTO DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS



As achegas irán destinadas, dun lado ó financiamento de ligas e competicións oficiais, e doutro a infraestruturas, instrumentos, vestiario, organización de feiras, concursos literarios, actos folclóricos e intercambios culturais, entre outros

Infogauda / Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra un ano máis convoca a concesión de subvencións de apoio ó deporte de competición federado e de fomento da cultura. As solicitudes, que contan cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros, deberán presentarse antes do 1 de abril no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra.

Subvencións para o apoio do deporte de competición federado 2010
Estas axudas teñen por obxectivo o apoio de entidades deportivas nas actividades derivadas da participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, autonómico ou nacional, convocados por organismos oficiais ou federacións deportivas galegas, nas modalidades deportivas de implantación na nosa provincia.
Poderán optar a este tipo de subvencións, que contan cun orzamento provincial de 303.000 euros, todas as entidades e clubs deportivos que carezan de fin de lucro, estean o corrente das súas obrigas tributarias, estean inscritos no Rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral de Deporte e cuxa modalidade deportiva estea implantada na provincia de Pontevedra.
Cada club poderá formular unha única solicitude dunha modalidade deportiva concreta. Os formularios a completar pódense obter no rexistro xeral, na sección de Deportes, ou na páxina web da Deputación (
www.depontevedra.es) Estes deben ir acompañados dunha fotocopia cotexada do CIF e do NIF do representante da entidade, certificación orixinal ou cotexada dos datos bancarios, o orzamento asinado estimativo de gastos, declaración orixinal do representante na que conste se solicitaron outras axudas, declaración de estar ó corrente coas obrigas tributarias, certificado de estar inscrito no Rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte e certificación da federación galega (ou a que no seu caso corresponda) na que se especifique: a participación do equipo en competicións durante a temporada 2009-2010, o número de equipos participantes por categoría, nivel da competición e sexo, e o número de licenzas por categoría e sexo que participaron en competicións na tempada pasada.
A selección e a contía das subvencións realizarase ponderando os seguintes aspectos: nivel de competición da agrupación, número de licenzas federativas, número de equipos participantes por categorías na actual temporada, equipo sénior en categoría nacional, adecuación das actividades que se van a realizar ó interese provincial.

Subvencións para o apoio á cultura 2010
Esta outra modalidade de axudas está destinada a promover, fomentar e difundir aquelas actividades culturais que organicen as persoas físicas ou xurídicas sen fin de lucro no seu ámbito territorial e, excepcionalmente, fóra deste, durante o ano 2010, así como as destinadas a recuperar e conservar o patrimonio provincial, sendo prioritarias nesta convocatoria as accións tendentes a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais contribuíndo á modernización e recuperación da nosa cultura así como as tendentes a xerar beneficios no seu contorno.
Estas subvencións de apoio á cultura se dividen ó tempo en 4 subtipos de axudas: as destinadas a actividades culturais xerais. Contan cun orzamento de 350.000 euros e están enfocadas ó financiamento de concursos literarios, periodísticos, actos folclóricos e musicais, intercambios culturais certames, conferencias, etc; a instrumentos e vestiario, dirixidas a financiar ós grupos e asociacións musicais para a adquisición de instrumental ou vestiario (115.000 euros); a infraestruturas. A entidade provincial asinou unha contía de 500.000 euros para costear a construción ou rehabilitación de centros culturais, restauración de monumentos…etc; por último, as subvencións de participación cidadá están enfocadas ó financiamento de congresos, feiras…etc, organizadas por entidades, federacións ou fundacións (80.000 euros). O orzamento provincial total destinado ós 4 tipos de axudas ascende a 1.045.000 euros.
Os beneficiarios destas achegas poderán ser persoas físicas ou xurídicas que carezan de fins de lucro, desenvolvan a súas actividades no ámbito da provincia de Pontevedra e estean ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
As solicitudes deberanse formalizar nos modelos oficiais que se facilitan no Rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura, ou na súa páxina web (
www.depontevedra.es). Ós formularios débese achegar a seguinte documentación: fotocopia cotexada do CIF e do DNI do representante legal da entidade, memoria explicativa da actividade a realizar, orzamento detallado do investimento que require a mesma, declaración orixinal do representante na que conste se solicitaron outras axudas, declaración de estar ó corrente coas obrigas tributarias, declaración do número de socios da entidade, e certificación orixinal ou copia cotexada dos datos bancarios.
A selección e a contía das subvencións realizarase ponderando os seguintes aspectos: difusión da actividade (ámbito local, provincial, nacional ou internacional), número de persoas que participan nela, número de socios da asociación, orzamento total da actividade e porcentaxe solicitada de financiamento e adecuación das actividades ó interese provincial.

Prazos e lugares de entrega
As solicitudes acompañadas dos documentos enumerados en cada caso deberanse presentar, antes do 1 de abril, no rexistro xeral da Deputación (Avd. Montero Ríos, s/n 36071, Pontevedra), en horario de luns a sábado, ou na súa Sede en Vigo (R/ Oporto, 3, 36201, Vigo), en horario de luns a venres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario