
A Deputación de Ourense, no seu apoio ás políticas de atención das persoas dependentes, patrocina as “V Xornadas de Avances en Benestar Social”, que organiza a UNED en Ourense e que reunirá os días 11, 12 e 13 de marzo a máis dun centenar de expertos, estudiantes e profesionais do ámbito da dependencia, para debater sobre as necesidades actuais deste colectivo.
Infogauda / Ourense
Hoxe tivo lugar no Centro Cultural da Deputación a presentación das xornadas coa presenza dos coordinadores das mesmas, Isabel Calle e José Luis Santos-Ascarza, e do director do Centrol Cultural, Francisco González. Isabel Calle referiuse á importancia de que na sociedade estea sempre presente “o debate da dependencia, porque é algo cada día require máis atención por parte das administracións. O centro asociado da UNED de Ourense leva xa cinco anos abordando esta problemática porque somos conscientes da importancia que ten traballar por mellorar a calidade de vida de todos, pero en especial dos colectivos máis vulnerables”.Pola súa banda, José Luis Santos-Ascarza dixo que no programa de conferencia e mesas redondas destaca este ano a parte práctica dun dos relatorios, o que tratará a problemática de accesibilidade. “Para que os asistentes tomen conciencia práctica deste tema, contamos cunha persoa de Aixiña que colaborará este ano guiando aos asistentes nun percorrido pola cidade de Ourense para coñecer os lugares de boa e mala accesibilidade para persoas con discapacidade, co fin de avaliar como está a cidade nesta materia”.Os obxectivos das xornadas é ofrecer distintas visións sobre a atención á discapacidade, dependencia e promoción da autonomía persoa, así como ser un punto de encontro de estudiantes e profesionais que poidan contribuír a lograr avances en benestar social. Os relatorios comezarán o vindeiro xoves, 11 de marzo, coa participación da directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, quen falará sobre “Estado actual e perspectivas de aplicación da Lei de Dependencia en Galicia”. A este relatorio seguirán outros que tratarán temas como o benestar das persoas maiores, a comunicación nos procesos de intervención social a perspectiva asistencia e a accesibilidade urbanística.As sesións do venres 12 e o sábado 13 de marzo estarán dedicadas a analizar os avances na atención á dependencia, os recursos de apoio ao benestar social, a vivenda do maior, as claves do funcionamento exitoso e a educación para a saúde, entre outros temas.Nas xornadas está prevista a asistencia dunhas 120 persoas, “que veñen a refrendar o éxito desta convocatoria xa consolidada no panorama da dependencia en Ourense”, en opinión de Isabel Calle. Ao longo dos catro anos anteriores máis de 500 persoas e 60 relatores participaron nestes encontros cuxa finalidade última é aportar solucións a un tema de plena actualidade e que cada día vai en aumento como é o da dependencia e o desenvolvemento de políticas e servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida deste amplo colectivo da nosa poboación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario