22 de mar. de 2010

O ROSAL

"Sons Galegos"

Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal
Foto: Agrupación Musical do Rosal


Montserrat Domínguez Otero / O Rosal


A banda de música da Agrupación Musical do Rosal ofrecerá dous concertos nos primeiros días desta primavera do 2010.
O primeiro terá lugar o vindeiro 28 de marzo ás 18,30 h. no noso pobo, no Auditorio do Rosal e o segundo será nun dos mellores espazos escénicos da nosa comunidade, no Teatro Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova en Vigo (Teatro García Barbón) o mércores 31 de marzo ás 20,30 h.
"Sons Galegos" é o título co que denominamos estes dous concertos, xa que soamente se interpretarán obras de temática galega, satisfacendo así a demanda de moitos dos afeccionados á música de banda e tratando de non esquecer as nosas raíces culturais e musicais.
O programa destes concertos é variado, abarcando diferentes estilos: obras, pasodobres e muiñeiras; así como a estrea absoluta de dúas obras.
Unha das obras que se estrearán leva por título "Mirabel", facendo mención a esta froita autóctona que se cultiva na comarca do Rosal, composta polo compositor Josep Vicent Egea por encargo da "Fundación O Rosal". A outra titúlase "O Monte Tegra", e a súa autoría corresponde ó compositor galego, Juan Lois Diéguez; está baseada nas paisaxes, lendas e tradicións que rodean o fermoso Monte Tegra do noso concello veciño da Guarda.
Ademáis interpretaranse as seguintes obras: "A Lenda de Montelongo" de Bernardo del Río, con arranxos de José Luis Represas Carrera, para gaita e banda, para o cal contaremos coa participación do gaiteiro Xaquín Xesteira (compoñente de Treixadura), "Pontus Veteris" de Angel A. Montes Abalde, o pasodobre "Música Mestres" e "Muiñeira dos Pendellos", ambos de Juan Lois Diéguez e a "Muiñeira do Rosal" composta polo director da Agrupación Musical do Rosal, Diego Javier Lorente López.

Ningún comentario:

Publicar un comentario