7 de feb. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ANALIZA OS RESULTADOS DE “A TÚA MEDIDA”, UN PROGRAMA DE ASESORAMENTO GRATUÍTO EN VISUAL MERCHANDISING PARA OS PEQUENOS COMERCIOS DA PROVINCIA

Comerciantes de Pontevedra, Tui, Forcarei, Redondela, O Grove, Ribadumia, Barro, Vigo, Cangas, Vilagarcía de Arousa , A Guarda e Caldas de Reis foron os beneficiarios desta iniciativa



Infogauda / Pontevedra
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Teresa Pedrosa, ven de presentar no salón de actos do Padroado de Turismo Rías Baixas o balance dos resultados obtidos polo plan “Á túa Medida”. Este programa, ofreceu a 20 comercios da provincia asesoramento gratuíto e personalizado en Visual Merchandising co obxectivo de mellorar a imaxe exterior dos seus locais. O profesional ó cargo do proxecto foi Carlos Aires, experto na materia.
Das solicitudes recibidas seleccionáronse por sorteo 20 comercios especialmente interesados en diferenciarse pola súa imaxe e por amosar unha presentación dos seus produtos que resultase atractiva ós seus clientes. Entre os escollidos había negocios de Pontevedra, Tui, Forcarei, Redondela, O Grove, Ribadumia, Barro, Vigo, Cangas, Vilagarcía de Arousa , A Guarda e Caldas de Reis.
En canto ó desenvolvemento do programa: entre o 31 de agosto e o 4 de setembro o especialista en Visual Merchandising, Carlos Aires, visitou, un por un, os vinte comercios para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e necesidades. Durante o mes de setembro elaborouse un informe personalizado no que se valorou a imaxe comercial de cada establecemento. Este documento incluía tamén recomendacións de actuación e propostas creativas para cada un dos comercios participantes. Entre o 19 e o 30 de outubro dous especialistas impartiron 5 horas de formación in situ a cada un dos comercios, amosándolles como mellorar a imaxe do seu establecemento e a presentación dos seus produtos. A última fase discorreu entre o 16 e o 19 de decembro, e nesta o especialista foi novamente a cada un dos establecementos para comprobar de que xeito os comerciantes seguiron as recomendacións previas.
Tralo visionado dun audiovisual que ilustrou o antes e o despois Pedrosa afirmou que «á vista dos resultados, o plan funcionou». A vicepresidenta, tamén quixo facer fincapé «na importancia que ten o comercio, cando máis, nestes tempos de crise». De aquí que a Deputación estea levando a cabo diferentes actividades de fomento a este sector; «debemos apoiar a iniciativa privada e así, a capacidade de crear riqueza e postos de traballo».

Ningún comentario:

Publicar un comentario