13 de feb. de 2010

OURENSE

PACO PESTANA DECLÁRASE FELIZ


Infogauda / Ourense
Paco Pestana é feliz. Despois de trinta anos percorrendo o mundo, empapándose de experiencia e de bos e malos consellos, este singular artista chega ao Centro Cultural de Ourense cunha obra excéntrica, complexa e ao mesmo tempo chea das xenialidades que só un creador xeneroso coa creatividade pode ofrecer.
Hoxe p resentouse o catálogo e a exposición “Así será... Unha vaquiña pequena o leite que dá”, que este artista galego ofrece no Centro Cultural ata o vindeiro 4 de abril. Unha mostra escultórica mesturada en ocasións coa técnica da pintura, que amosa enxeños mecánicos de madeira convertidos en animais ou simplemente creacións que colocan ao visitante ante unha explosión de creatividade, fronte da cal nada pasa desapercibido.No acto de presentación, o presidente da Deputación José Luis Baltar, dixo que neste caso “tan importante é coñecer a obra como o autor, pola desbordante personalidade que ten Paco Pestana”. Baltar engadiu que Pestana “é un artista cun mundo propio, cun universo particular que ten a Galicia coma un referente básico para crear ese mundo infinito onde a imaxinación reina coma unha diosa incuestionable”. Pola súa banda o artista fixo un percorrido pola súa biografía, explicando que as experiencias de máis de trinta anos percorrendo o mundo marcárono en todos os sentidos “contribuíndo a canalizar a miña creatividade e permitíndome ter aquelo que máis desexa un artista: liberdade para crear a súa obra”.Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación, dixo que Pestana “é un artista apegado á súa terra a ás súas costumes”, e definiuno coma “prolífico, excéntrico, xeneroso e explorador de si mesmo; Pestana é un escultor de culto e un poeta, un provocador para o enxeño que pon a disposición dos ourensáns unha exposición singular da que todos disfrutaremos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario