26 de dec. de 2009

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN FAI ACHEGAS A 5 CONFRARÍAS DE PESCADORES NAS COMARCAS DE BAIXO MIÑO E VIGO

O orzamento provincial nestas comarcas é de preto de 30.000 euros cos que se acometerán 8 proxectos destinados a mellorar infraestructuras e adquirir equipamento de cara o ano próximo

Infogauda / Pontevedra

A Confraría de Pescadores Santa Tecla (A Guarda), a San Juan de Redondela (Redondela), a da Virgen del Carmen (Soutomaior), a San Francisco (Vigo), e a Federación provincial de confrarías de pescadores de Pontevedra son as seis agrupacións da comarca de Vigo e Baixo Miño que recibirán de mans da Deputación Provincial de Pontevedra unha axuda económica que ascende, en total, case ós 30.000 euros.
No caso da Confraría de Pescadores Santa Tecla, con preto de 500 asociados, a achega do organismo provincial irá destinada a adquirir equipamento para as lonxas e a mellorar a seguridade, hixiene e saúde das tripulacións e das embarcacións empregadas para o traballo; a San Juan de Redondela, que tamén conta con 500 socios, procederá á reparación dos seus edificios sociais e á adquisición de equipamento, tanto para os inmobles e a lonxa, como para a execución de labores de vixilancia; a Virgen del Carmen de Soutomaior empregará a achega para a compra de mobiliario para os vestiarios de mariscadores a flote, dos que se beneficiarán preto de 200 usuarios; con case 9.000 asociados a Federación provincial de pescadores de Pontevedra destinará o orzamento que lle achegou o organismo provincial ó equipamento da sala de xuntas do seu edificio social; por último, a Confraría de Pescadores San Francisco empregará a axuda que lle corresponde en adquirir traxes de augas con flotabilidade para seus 400 afiliados.
Estas achegas económicas se enmarcan dentro do reparto de axudas ás confrarías, federación provincial e asociacións de confrarías de pescadores que concedeu a Deputación de Pontevedra, cun orzamento de 100.000 euros. Con esta iniciativa a entidade provincial busca axudar a este tipo de agrupacións para que poidan gañar en eficacia e rendemento de cara o ano próximo. Para elo, as contías irán destinadas á mellora de infraestruturas e á adquisición de equipamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario