CONCERTO DE REIS DA REAL BANDA DE GAITAS, NA CATEDRAL O DÍA 4

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, acompañado polo bispo de Ourense, Luis Quinteiro, polo director da Real Banda de Gaitas, Xosé Luis Foxo, e polo presidente de ATOX, Francisco Nóvoa, presentou hoxe no Centro Cultural da Deputación o Concerto de Reis que a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o vindeiro 4 de xaneiro, ás 20.30 horas, na Catedral de Ourense.
Infogauda / Ourense
O concerto é unha homenaxe á cantareira de Terras de Montes Manuela Cortizo Medal, e contará coa actuación da xove cantante ourensá Miriam Figueiras, e cos grupos “Sons da eira” e “Cuarteto Courtier”. O festival completarase coas actuacións das Cantareiras da Real banda con Zanfonas e co gaiteiro solista Marco Foxo, para rematar coa actuación da Real Banda ao completo.José Luis Baltar agradeceu a ATOX pola organización do evento e a o Bispado de Ourense pola cesión da Catedral para a realización do concerto. “A fonda tradición relixiosa cristiá do noso pobo fai que un evento como este teña unha especial relevancia e un sentimento que todos compartimos nestas entrañables datas”, afirmou Baltar, e engadiu que a Real Banda de Gaitas non é só de Ourense senón que tamén é de Galicia porque na súa escola recóllese a tradición folclórica de todas as provincias galegas”.
Pola súa banda, o bispo de Ourense, Luis Quinteiro, dixo que o feito de que ATOX e a Real Banda escollesen novamente a Catedral de Ourense como lugar para celebrar o concerto de Reis “multiplica o esforzo que todos os cristiáns facemos por chegar á xente. A Catedral síntese honrada con este evento que proclama a Festa do Señor”.Finalmente, o presidente de ATOX, Francisco Nóvoa, agradeceu as mostras de solidariedade que ten recibido este colectivo pola importante labor social que realiza, e dixo que para todos os que integran ATOX, mozos, familias e colaboradores “é unha ledicia rematar o ano cun festival musical que trae alegría e ocio para todos e nos axuda a realizar con máis ilusión, se cabe, o noso traballo diario a prol da xuventude que o necesita”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario