5 de dec. de 2009

O ROSAL

O concello en números vermellos pola mala xestión do PP

Preto de 400.000 euros de desequilibrio económico


BNG / O Rosal
O concello está en números vermellos, e non o di o BNG, recoñéceo o propio alcalde no Plan Económico Financeiro que aprobaron para o 2009-2010. O desequilibrio é de 399.904,79 euros.
Bótanlle a culpa á crise, mais no propio documento queda claro que tamén houbo unha mala xestión por parte do goberno municipal.
Exemplos:
Pretenden aforrar nos servizos de limpeza viaria, alumeado público, etc., abrindo “o mercado a novos proveedores com prezos máis competitivos”, ou o que é o mesmo, ata agora estaban adxudicando eses servizos a empresas máis caras a sabendas. Iso chámase mala xestión ou amiguismo, depende.
Tamén pretenden “impór austeridade” nos actos protocolarios (comidas, convites...). Iso quere dicir que até agora tirábanse os cartos.
Seica van eliminar adquisicións que non sexan estritamente necesarias, polo tanto, até agora compraban cousas que non necesitaban.
Tamén pensan reducir gastos non renovando o persoal administrativo, nin os monitores de tempo libre nin a orientadora laboral, que en tempos de crise, algo podería axudar.
Pero por outra banda, deixan claro que van recadar máis, non actualizando as Ordenanzas fiscais ao IPC, o que significa un aumento dos impostos na práctica, pois o IPC deste ano é negativo e, se as actualizaran teriamos que pagar menos pola urbana, lixo, sumidoiros, auga....
A auga só a pagamos uns poucos
Falando do servizo de abastecemento de auga, din que van dar de alta a totalidade dos usuarios, polo tanto, até agora só pagabamos uns poucos e o resto tiña o servizo de balde. Iso tamén é mala xestión e non crise.

Ningún comentario:

Publicar un comentario