17 de out. de 2009

VIGO

O MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO (MARCO) ACOLLE A OBRA DO ARTISTA GUARDÉS JORGE BARBI ALONSO





Diuculum, 1995

Jorge Barbi Alonso integra nas súas creacións diversos obxectos que atopa nos seus percorridos pola xeografía do seu entorno vital
Infogauda / Vigo
O Marco de Vigo acolle desde onte unha mostra individual do artista da Guarda Jorge Barbi Alonso, coproducida co CAM Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa e a Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior (Seacex) e comisariada por Juan de Nieves. Cando se clausure en Vigo, o 14 de febreiro de 2010, a mostra viaxará a Lisboa, onde se exhibirá na Fundação Calouste Gulbenkian do 6 de maio ao 6 de xullo de 2010.
A exposición baséase na idea do percorrido, do paseo, e da observación cotiá da natureza e as súas mutacións, como un extenso arquivo en diversos soportes, que o artista foi construíndo ao longo do tempo. O argumento expositivo constrúese a partir de cinco series de fotografías realizadas nos últimos anos, xunto cunha coidada selección de pezas anteriores, e novas producións específicas para esta mostra, intentando establecer novas lecturas do seu traballo, na que é a primeira grande exposición individual deste artista.
Barbi encarna unha das traxectorias máis interesantes da escena artística nos últimos vinte e cinco anos, tanto polos parámetros nos que se desenvolveu a súa práctica creativa, como pola súa independencia das regras do mercado e do sistema artístico en xeral.
O título da exposición, 41º 52" 59" latitude N/8º 51" 12" lonxitude O, refírese ás coordenadas xeográficas que abranguen a zona pola que o artista realiza os seus percorridos diarios.
Pedras, entullo de obras, cabacos - anacos de madeira erosionada -, obxectos abandonados que no seu día tiveron outra utilidade, vidros atopados na praia,..., simplemente recollidos ou transformados, constitúen o miolo das obras de Jorge Barbi.
A escultura, a fotografía e a instalación, son os escearios desde os que esculca as posibilidades creativas, ao xeito do poeta, e coñecer, ao modo do científico. Camiñando.Viaxando, atento aos detalles. As transformacións. Indagando o misterio na evolución das formas, e con el o da vida e a natureza. Porque, como el mesmo ten indicado, "todos os acontecementos que nos envolven son irrepetibles; a súa diversidade converte a nosa memoria nun palimpsesto" e "todos, incluso os aparentemente nimios, posúen a forza de facernos volver a cabeza a un espazo inagardado".
"Non será ata finais dos anos noventa cando o seu traballo se materialize en diferentes series fotográficas que parten dunha observación minuciosa da natureza e as súas transformacións, e da súa atracción pola versatilidade formal que adoptan os seus variados accidentes",
afirma Juan de Nieves na nota que acompaña á mostra.
Para a súa exposición no MARCO de Vigo, "o punto de partida constitúeno cinco series de fotografías realizadas nos últimos anos máis unha coidada selección de pezas anteriores, de modo que a partir deste conxunto se poidan establecer novas lecturas do seu traballo", engade.
"Así entendido, este proxecto, é dicir: o xeito de asociar diferentes traballos no espazo, a importancia do baleiro, a emanación dunha luz propia ou externa, as diferentes formalizacións en definitiva que estas imaxes poden adoptar; todo iso estará presente nun xogo de tensións e equilibrios a fin de que o feito expositivo se converta nunha verdadeira experiencia sensorial para a audiencia", salienta finalmente o comisario da mostra.
OS PARÁMETROS CREATIVOS DE JORGE BARBI
A reflexión sobre o paso do tempo, sobre os obxectos e o seu contexto, a dialéctica forma-contido, e a preocupación en torno aos mecanismos de percepción, son algunhas das constantes na súa obra. Dende principios dos anos oitenta, Jorge Barbi adopta a viaxe, o paseo polas ribeiras do Río Miño, polo litoral Atlántico - desde O Puntal (Camposancos) até Cabo Silleiro (Baiona), ou pola Serra da Groba, como método de traballo para a observación dunha xeografía que coñece ben e da que sabe extraer un amplo repertorio de restos e accidentes, unha cartografía exhaustiva da paisaxe. A exposición do Marco reúne varias series de fotografías dos últimos anos, xunto a unha selección de obras anteriores, e varias pezas realizadas expresamente para esta mostra. A primeira que un artista galego fai na planta baixa do MARCO.

Ningún comentario:

Publicar un comentario