23 de out. de 2009

OURENSE

A DEPUTACIÓN DESTINA 2 MILLÓNS DE EUROS PARA CENTROS DE BIOMASA




A Deputación de Ourense anuncia a licitación do procedemento aberto para a contratación da concesión de obra pública consistente no deseño, construción e explotación de tres Centros de Transformación de Biomasa (CTB) no marco dos proxectos “Terras do Avia”, “Delorur” e “Arraiano”, financiados mediante axudas Feder para o período 2007/2013, cunha achega máxima da Deputación para a execución material das obras de 1.896.000,00 euros.

Infogauda / Ourense
O funcionamento dos centros de biomasa de Ourense consistirá na recollida e almacenaxe da materia prima forestal para a súa transformación nun produto adecuado para o seu uso en centrais de biomasa ou outros centros de consumo de biomasa. En liñas xerais, as operacións que levan a cabo son: almacenaxe de materias primas, triturado, secado natural e almacenaxe de produto preparado para uso na central de biomasa.Os tres centros terán a capacidade de procesar, no seu conxunto, 100.000 toneladas anuais de biomasa referidas á tonelaxe anual de entrada-, sendo as súas labores a captación de biomasa complementaria á xerada nos viarios da Deputación de Ourense; a pesada dos vehículos de transporte de biomasa e a súa carga e descarga; a trituración e astillado; a almacenaxe até expedición e venda da biomasa, e a comercialización da biomasa procedente dos viarios da Deputación de Ourense, así como a de calquera outra procedencia, previa a súa trasformación nos CTBs. Os ingresos do concesionario polo desenvolvemento da actividade son os que se deriven da venda no mercado da biomasa procesada no CTB e outros subproductos que resulten da actividade.As prestacións básicas a realizar polo adxudicatario en cumprimento deste contrato serán as seguintes:1.- Achegar os terreos necesarios para a instalación dun CTB no ámbito territorial de influencia de cada un dos tres proxectos citados, “Terras do Avia”, “Delorur” e “Arraiano” -tres CTB´s en total-.2.- Deseñar as instalacións, entregando o correspondente proxecto construtivo que haberá de incluír toda a documentación esixida polo artigo 107 da Lei 30/2007, de 30 de outubro.3.- Executar as obras de construción e instalación dos tres CTB´s, de acordo cos proxectos presentados, previa a supervisión e aprobación dos mesmos pola Deputación provincial.4.- Explotar as instalacións durante o prazo da concesión, ao seu risco e ventura, sen prexuízo do mantemento do equilibrio económico-financeiro do contrato nos termos considerados para a súa adxudicación.A execución das obras de construción e instalación dos tres CTBs será financiada pola Deputación provincial de Ourense, no marco das axudas FEDER concedidas, polo importe máximo de 1.896.000,00 euros, coas achegas anuais de 758.400,00 euros (exercicio 2009) e 1.137.600,00 euros (exercicio 2010). O concesionario deberá asumir o custo da construción e instalación dos CTB´s se excede da cantidade indicada anteriormente.Os interesados poden consultar toda a información no Boletín Oficial da Provincial de Ourense nº 242, e na web da Deputación de Ourense, no apartado “Perfil do contratante” (www.depourense.es), na que se publican íntegros os pregos de condicións para a contratación. As proposicións deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación, ata o día 30 de novembro de 2009, previo envío do anuncio de licitación ó DOUE.A importancia socio-económica da biomasaHoxe en día ninguén dubida da importancia da biomasa coma fonte de enerxía. Esta materia orgánica orixínase nun proceso biolóxico, de tal xeito que calquera substancia orgánica de orixe vexetal ou animal -incluíndo os materiais que resultan da súa transformación natural ou artificial- pode ser unha fonte enerxética tras dun axeitado proceso de transformación. Existen diversos materiais que poden usarse para a subministración de enerxía. Deles, os produtos leñosos foron a primeira fonte de enerxía renovable utilizada polo home até a revolución industrial; e mesmo hoxe en día, para uns 2.500 millóns de persoas segue sendo a principal fonte de enerxía.A Biomasa forestal primaria é a fracción biodegradable dos produtos e residuos xerados nos montes e que son procesados con fins enerxéticos. Os principais materiais vexetais que constitúen a biomasa forestal:• Produtos derivados de tratamentos selvícolas: Ramas e ramillas procedentes de traballos de poda; pés procedentes de curtas de aclareo, curtas fitosanitarias ou pés afectados por incendios forestais.• Restos de curtas: Ramas e raberones procedentes de curtas finais antes da rexeneración dos bosques e de curtas intermedias.• Leñas procedentes de trasmochos e de pés non maderables: Ramas e troncos de pés mal formados.• Cultivos enerxéticos leñosos e herbáceos: Realízanse con plantacións de alta densidade e quendas moi curtas, seleccionando as especies segundo a cantidade de biomasa que producen. As novas políticas enerxéticas e ambientais, están a converter a combustible biomasa forestal nun elemento esencial das políticas enerxéticas tanto nos países desenvolvidos como en desenvolvemento. A biomasa é un recurso renovable que presenta múltiples vantaxes tanto ambientais como socio-económicas. En termos ambientais, a utilización da bioenergía xoga un dobre e positivo papel. Por unha banda, a combustión da biomasa produce a mesma cantidade de CO2 que antes consumiu, deixando ao sistema en equilibrio, salvo a enerxía utilizada na súa manexo, transporte e preparación.En termos socioeconómicos, a extracción, transformación e utilización da bioenerxía, son actividades xeradoras de emprego, particularmente en zonas rurais que en caso contrario son abandonadas, o que leva unha falta de aproveitamento dos montes, unha acumulación de combustible forestal e, consecuentemente, un aumento de risco de incendio.No aspecto económico, a biomasa forestal é un combustible cuxo prezo a penas está sometido ás fluctuacións do prezo dos carburantes. Canto máis caras están as enerxías fósiles, máis competitiva é a biomasa forestal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario