14 de ago. de 2009

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Os 30 mozos e mozas de distintos países de Europa que participan no proxecto europeo do Camiño Portugués chegan a Santiago


Os peregrinos, procedentes de España, Portugal, Austria, Italia, Alemaña, Francia e Bélxica, foron recibidos no Pazo de Raxoi polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato




A iniciativa ‘Stellae’ está aprobada pola Unión Europea e financiada en parte con fondos europeos. A Xunta é a entidade xestora do programa Xuventude en Acción en Galicia

Infogauda / Santiago de Compostela

Os mozos e mozas que forman parte do proxecto europeo ‘Stellae’, que promove valores como a convivencia, a solidariedade e a tolerancia entre os mozos e mozas a través da peregrinación polo Camiño Portugués, chegaron hoxe a Santiago. Un total de 30 participantes, procedentes de España, Portugal, Austria, Italia, Alemaña, Francia e Bélxica, foron recibidos no Pazo de Raxoi polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato.
Despois de 12 días de peregrinación, os mozos e mozas chegaron á capital galega. O pasado día 4 de agosto partiron a pé desde a localidade portuguesa de Viana do Castelo, facendo cada xornada andainas dunha media de 20 quilómetros.
Ademais, durante todos os días levaron a cabo actividades destinadas a coñecer as institucións galegas e a aprender o concepto de cidadanía europea co obxectivo de promover a participación activa na sociedade democrática. Os participantes coñeceron, desta maneira, localidades como Baiona, Pontevedra, Vigo e Pontecesures. Deste último concello partiron hoxe moi cedo e tras 22 quilómetros a pé chegaron a Santiago. Mañá remata a actividade.
‘Desde Viana do Castelo a Santiago polo Camiño Portugués’ é un proxecto aprobado pola Unión Europea e financiado en parte con fondos comunitarios. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que depende da Consellería de Traballo e Benestar, é a entidade xestora do programa Xuventude en Acción na comunidade autónoma de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario