30 de ago. de 2009

GALICIA

Os xulgados de paz de 64 concellos galegos xa dispoñen do sistema para a informatización dos libros rexistrais


O avance permitirá que no futuro os cidadáns poidan acceder aos seus datos civís a través dos xulgados de paz da súa localidade

A aplicación INFOREG permite a informatización dos libros rexistrais

O obxectivo é garantir o acceso rápido e fácil á información, coa meta de reducir os prazos de tramitación e aumentar a eficacia para o cidadán



Infogauda / Santiago de Compostela

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no marco do Plan de Medidas Urxentes da Informatización da Xustiza, está a completar a implantación do sistema informático “Rexistro Civil en Liña” nos xulgados de paz nos concellos incluídos nunha primeira fase.
Así, dos 74 concellos afectados por esta primeira fase do plan, 64 xa teñen acceso informático a INFOREG. Destes 64, 42 xa o están utilizando como ferramenta básica, mentres que os outros 22 comezarán a facelo nos próximos días. Dos 10 que aínda non teñen o acceso, 5 deles xa recibiron os cursos de formación necesarios para preparar ao persoal no uso da aplicación, e se espera que o total dos dez rematen a fase de implantación no mes de setembro. Ademais, nunha segunda fase que se desenvolverá durante o último trimestre do ano, ampliarase esta actuación a outros 196 concellos.
A extensión do uso de INFOREG ven determinada polo convenio asinado en maio de 2006 entre a empresa estatal Red.es (Ministerio de Industria), a Subdirección General de Nuevas Tecnologías para la Justicia (Ministerio de Justicia) e as comunidades autónomas. Ese convenio daba pé a un plan de colaboración denominado “Registro Civil en Línea”, que se marcou como meta completar a informatización dos rexistros civís e xulgados de paz (órganos de apoio dos rexistros civís municipais).
Deste xeito, o Goberno galego, ao tempo que desenvolve este convenio, satisfai as necesidades dos cidadáns na sociedade actual ao incorporar as tecnoloxías da información e da comunicación aos rexistros civís. Esta meta, que arrancou no ano 1999 coa aprobación da Orden do Ministerio de Justicia de 19 de xullo sobre Informatización dos Rexistros Civís, plasmouse logo na devandita aplicación INFOREG.
Rexistros accesiblesA implantación deste sistema en todos os rexistros civís e xulgados de paz permitirá chegar o obxectivo de dar cumprimento as crecentes expectativas cidadáns, que reclaman maiores niveis de calidade, eficiencia e transparencia na prestación dos servizos públicos, así como a existencia de rexistros que permitan acceder á información dun xeito fácil e rápido, sempre sen esquecer a garantía da protección de datos persoais.
Con este marco de fondo, o propósito do programa é mellorar a accesibilidade dos Rexistros, que ata fai ben pouco facían todas as súas inscricións unicamente de xeito manuscrito. O mantemento de libros rexistrais manuscritos divididos e custodiados por diferentes organismos dificultaba a accesibilidade da información polos usuarios. A implantación de INFOREG e a dixitalización da información rexistral ten como obxectivo final permitir a conexión destes datos, co obxectivo de que unha mesma persoa poda acceder desde o mesmo punto aos datos sobre ela inscritos en seccións diferentes de diversos rexistros civís, evitando o seu desprazamento, reducindo dun xeito sensible os prazos de tramitación e aumentando a eficacia e transparencia da administración na prestación dos servizos públicos.
Parte do Plan Avanza
Esta actuación englóbase dentro do Plan Avanza, que persegue lograr un correcto desenvolvemento das novas tecnoloxías na sociedade, acadando a implicación dos cidadáns no uso das mesmas dado o seu carácter de factor xerador de novas capacidades, de emprego e desenvolvemento. Neste sentido, a aplicación do programa INFOREG diríxese a mellorar a interacción dos servizos públicos cos cidadáns incorporando as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), co fin de mellorar os servizos públicos.
Lista de concellos
Dos concellos coa instalación de INFOREG no xulgado de paz rematada, 33 pertencen á provincia da Coruña, 18 á de Pontevedra, 9 á de Lugo e 4 á de Ourense.
Para ver cadro prema aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario