Infogauda / O Rosal
Culminando unha labor de máis de tres décadas de estudo, investigación e recolleita de datos, Xoán Bautista Martínez González (Xoán do Tamuxe) e seu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa, presentaron un libro do cal, ambos os dous rosaleiros, pai e fillo, son co-autores.
A presentación, presidida polo presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, tivo lugar o luns día 20 deste mes de Santiago, no magnífico Auditorio Municipal do Rosal. O brillante acto, contou tamén - como xa adiantamos oportunamente - coa asistencia do alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, e por suposto dos autores do libro que leva por título "Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia".
"Naceu a idea e proxecto da preparación deste libro - dixo Xoán Martínez Tamuxe - por suposto non de carácter científico, senón divulgativo, a propósito da oportuna e case providencial iniciativa do Concello, de restaurar aqueles antigos e ultimamente arruinados e xa case lendarios e fantasmagóricos muíños do Folón e do Picón, cuxo deplorable estado clamaba ao ceo. Ante tal sorte e oportunidade de recuperar tan prezado e singular patrimonio, como é este conxunto industrial de carácter rural, sentiuse a conveniencia e necesidade de coñecelo na súa integridade. Pensouse por elo nesta publicación xa que así achegaría aos propios donos, aos rosaleiros e a calquera visitante o seu valor histórico, etnográfico, antropolóxico e socio-cultural, sen esquecer a súa posible repercusión no turismo galego".
Editada pola Deputación, "(...) esta pubricación - segundo afirmou Juan Ramón Martínez Barbosa - levouse a cabo grazas á recopilación de datos que comezou hai preto de 40 anos no caso de Tamuxe e a máis de 10 no meu: investigación por diferentes arquivos, revisión de multitude de libros, documentos, falar con innumerables veciños do Rosal e arredores, etc".
Grazas a labor de pescuda, os autores da publicación desmontan o secular mito que atribuía a envergadura desta obra o Mosteiro de Santa María a Real de Oia. "Coidamos - engadiu Martínez Tamuxe - que polos documentos aportados e as diversas consideracións ante a total ausencia de mencións a propiedades, foros, ventas, permutas, etc., na bibliografía do Mosteiro de Oia, referente a estes muíños, probamos as nosas teses de que foron realizados polos veciños da xuradía de Fornelos".
Para acceder a reportaxe fotográfica de Ruth Martínez Barbosa, premer aquí.

Ningún comentario:
Publicar un comentario