Amnistía Internacional
Desde que en decembro de 2000 comezase o mandato do gobernador Richard Perry, en Texas estase a vivir unha masacre programada e legal. Perry asinou 200 das 439 execucións que se practicaron en toda a historia de Texas.
O pasado 2 de xuño, Terry Le Hankins de 34 anos de idade foi executado mediante inxección letal pouco despois das 6 da tarde, hora de Texas. Fora condenado á morte en 2002 polo asasinato de dous fillos da súa esposa en 2001. Foi o executado número 200 do mandato do actual gobernador. Está previsto que outros cinco homes sexan executados en Texas ata mediados de setembro. A execución de Terry Hankins é a número 16 en Texas desde que comezou o ano 2009, dun total de 30 en todo o país. É a número 1.166 que leva a cabo en Estados Unidos desde que se renovaron as execucións no país en 1977. Amnistía Internacional denunciou en numerosas ocasións que en Texas, antes de que en marzo de 2005 o Tribunal Supremo anulase a execución de menores, aplicouse esta condena contra persoas que eran menores de idade cando cometeron os delitos que se lles imputaban e contra persoas que padecían graves enfermidades mentais. Amnistía Internacional recoñece o dereito e o deber dos Gobernos de levar ante a xustiza aos presuntos delincuentes. Pero a organización rexeita de xeito categórico a pena de morte, xa que viola o dereito á vida e é a forma máis extrema de pena cruel, inhumana e degradante. Pon freo á matanza Amnistía Internacional, a través da web, www.actuaconamnistia.org pide á cidadanía que presione para deter esta matanza legal. O obxectivo da ciberacción é que o gobernador Richard Perry se pronuncie a prol da fin fin desta pena cruel e innecesaria, que colabore coa asemblea lexislativa do Estado de Texas para abolir a pena de morte, e que mentres tanto, tanto o gobernador como a xunta de liberdade condicional fagan canto estea nas súas mans para impedir novas execucións neste Estado. Información complementaria Richard Perry tomou posesión do seu cargo como gobernador de Texas o 21 de decembro de 2000, tras a elección do anterior gobernador, George W. Bush, como presidente de Estados Unidos. Durante os case seis anos en que George W. Bush exerceu o cargo de gobernador (1995-2000) 152 persoas foron executadas en Texas. En Texas vive aproximadamente o sete por cento da poboación de Estados Unidos e nese estado cométense menos do 10 por cento dos asasinatos do país. A cifra total de máis de 350 execucións en Texas durante os mandatos destes dous gobernadores representa o 37 por cento das execucións de Estados Unidos desde 1977, e o 41 por cento desde 2001.

Ningún comentario:
Publicar un comentario